Skip to main content
STG

Homenaxe en Farmacia ao que fora catedrático da USC Miguel López Fonseca

Miguel López Fonseca
Miguel López Fonseca

Este venres 26 terá lugar na Facultade de Farmacia un acto en memoria de Juan Miguel López Fonseca, que foi alumno e logo catedrático da Universidade de Santiago ata o ano 92, cando obtén outra cátedra na Universidade de Oviedo e se traslada a esa cidade, da que é oriúndo.

Finado o pasado mes de abril, López Fonseca deixou unha importante pegada na Universidade compostelá, non só pola súa calidade profesional senón tamén polo seu forte compromiso con ela. Así, participou activamente na elaboración da candidatura que finalmente sería elixida para constituír o primeiro goberno democrático da USC e estivo moi implicado nos procesos de representación sindical encabezando as candidaturas de CC.OO. para o persoal docente e investigador dos anos 87 e 90.

A homenaxe terá lugar este venres ás 18:00 horas no Salón de Graos da Facultade de Farmacia e a el, ademais de familia, amizades e compañeiros, asistirán a decana da facultade,. María Isabel Sández Macho; o profesor Carlos Pajares Vales, reitor da USC cando López Fonseca era catedrático en Santiago; o farmacéutico de Castiñeiras (Ribeira) e ex alumno de López Fonseca, Xurxo Ferrón Vidán; o catedrático da Universidade da Coruña e discípulo do homenaxeado, Manuel Sastre de Vicente; e Pepe Paraños, que foi profesor de Ensino Medio e amigo do finado.

The contents of this page were updated on 10.24.2018.