Skip to main content
STG

A extensión media das vagas de calor na Península Ibérica e Baleares aumentou nun 4% por década dende 1950

As maiores intensidades obsérvanse no oeste peninsular e zonas montañosas, e as menores no litoral mediterráneo
As maiores intensidades obsérvanse no oeste peninsular e zonas montañosas, e as menores no litoral mediterráneo
Esta evolución suxire “unha maior exposición humana, un aumento da demanda de enerxía e implicacións para o risco de incendio”, explican os investigadores Dominic Royé e Alejandro Díaz-Poso da USC, e Nieves Lorenzo da UVigo
Santiago de Compostela

Os investigadores da USC Alejandro Díaz-Poso e Dominic Royé acaban de publicar, xunto con Nieves Lorenzo da UVigo, os resultados dun estudo que mostra como as tendencias durante o período 1950-2020 indican que as vagas de calor na Península Ibérica e Baleares “son cada vez máis intensas e os eventos extremos aumentan en magnitude”. As maiores intensidades obsérvanse no oeste peninsular e zonas montañosas, e as menores no litoral mediterráneo. Así mesmo, o aumento da duración dos períodos de vagas de calor é máis pronunciado no leste/sueste, onde o aumento de intensidade tamén é maior.

A investigación publicada en Environmental Research pon de manifesto que a extensión media das vagas de calor para o período 1950-2020 aumentou nun 4% por década, mentres que o aumento na extensión máxima é aínda maior, cun 4,1% por década, “o que suxire unha maior exposición humana, un aumento da demanda de enerxía e implicacións para o risco de incendio”, explican os investigadores.

Excess Heat Factor

O equipo da USC e da UVigo decidiu acometer este estudo por mor da inexistencia de análises climatolóxicas das vagas de calor para a Península Ibérica e Baleares que utilicen o índice EHF (Excess Heat Factor). “Os eventos de vagas de calor pódense caracterizar por catro dimensións: frecuencia, duración, intensidade e extensión espacial, as cales son abordadas neste estudo, facendo especial fincapé na dimensión da intensidade e a súa extensión espacial”, explican os investigadores. O índice EHF, desenvolvido por científicos australianos, incorpora directamente o aspecto de intensidade e o proceso de aclimatación do corpo humano. Estudos anteriores xa demostraran que o EHF podería usarse para avaliar os efectos das vagas de calor na saúde a nivel da poboación.

As áreas que mostran unha maior intensidade non coinciden con áreas onde os eventos de vagas de calor teñen unha maior duración. Tanto para 1950-2020 como para o caso concreto de 2018, as vagas de calor nas zonas montañosas e oeste peninsular caracterízanse por un EHF máis alto, pero unha duración máis curta que as da zona sueste peninsular e, en xeral, no litoral mediterráneo. “A razón principal deste patrón espacial radica no rápido transporte de masas de aire suaves dende o Océano Atlántico cara ao oeste da Península Ibérica”, aclaran os investigadores.

Os resultados evidencian a capacidade do índice EHF para detectar as condicións das vagas de calor con maior antelación que outros índices, así como a súa eficacia para avaliar a súa intensidade, duración, frecuencia ou extensión, o que o converte nun índice “útil para contribuír á toma de decisións para minimizar os seus efectos no sistema sanitario ou en sectores vulnerables como o enerxético ou o agrícola”, conclúen.

Distribución das extensións espaciais das vagas de calor por ano na Península Ibérica e Baleares (1950-2020)
Distribución das extensións espaciais das vagas de calor por ano na Península Ibérica e Baleares (1950-2020)
Tendencia media da intensidade dos eventos con EHF positivo para o periodo 1950-2020
Tendencia media da intensidade dos eventos con EHF positivo para o periodo 1950-2020
The contents of this page were updated on 01.05.2023.