Aberta a inscrición para participar na cuarta edición da Masterclass de física de partículas do IGFAE

Coa vontade de promover o acceso e participación plena e equitativa de todas as persoas na ciencia, o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías da USC, centro mixto da USC e da Xunta de Galicia, dá pulo á cuarta edición da Masterclass de física de partículas. Esta actividade dirixida exclusivamente a alumnas de primeiro curso de bacharelato de institutos de Galicia enmárcase dentro das accións que o IGFAE impulsa co gallo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.
A Masterclass terá lugar o próximo venres 10 de febreiro e contará cunha serie de conferencias introdutorias á Física de Partículas actual, alén de acoller unha práctica por ordenador en grupos con datos reais dun experimento do CERN. Posteriormente, discutiranse os resultados mediante videoconferencia con este laboratorio e outros centros europeos que realizan a xornada simultaneamente.
Os obxectivos da xornada son, por unha banda, achegar a física ás alumnas a través das propias investigadoras do IGFAE, outorgando visibilidade ao seu traballo e actuando como referentes femininos para as novas xeracións de científicas. Por outra banda, preténdese evidenciar que moitas mulleres pertencentes a diferentes culturas, países, clases, etnias e condicións fixeron grandes achegas á ciencia dende os espazos que conseguiron ocupar, malia que non se coñezan. Como colofón, farase unha pequena charla-coloquio sobre mulleres científicas, ás veces esquecidas, que supoñen un exemplo de inspiración e superación das diferentes barreiras ás que tiveron (e teñen) que facer fronte ao longo da carreira científica.
O número de prazas está limitado a 40 e tan só poderán participar dúas alumnas por instituto. “Consideramos que esta xornada podería converterse nun incentivo para decantarse por carreiras científicas, polo que pedimos que se teña en conta este criterio na súa selección”, explican dende a organización. Ademais, dado que a discusión dos resultados será en inglés, este tamén será un requisito a ter en conta. O persoal docente acompañante das estudantes pode asistir e incluso participar activamente na Masterclass, se así o desexa. Deberá indicalo no formulario de inscrición que estará aberto ata o 27 xaneiro ás 23.59 horas. As solicitudes serán atendidas por orde de chegada e o IGFAE farase cargo da manutención das persoas participantes.
“Sen ningunha dúbida, esta será unha experiencia inesquecible para as alumnas, onde terán a oportunidade de acercarse ao método científico mediante un pequeno simulacro do que supón o día a día dunha científica, ademais de adquirir coñecemento sobre a historia das mulleres na ciencia”, relatan dende o IGFAE. Esta xornada nace como froito da colaboración do IGFAE co Grupo Internacional de Divulgación de Física (promotores da iniciativa) e o CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear).
