O terceiro Foro da Rede Galega de Investigación en Demencias celebrarase a vindeira semana en Psicoloxía
O 3º Foro da Rede Galega de Investigación en Demencias celebrarase na Facultade de Psicoloxía o día 27 coa participación da profesora Sylvie Belleville, da Universidade de Montreal, e do profesor Simon Duchesne, da Universidade Laval, ambos de Canadá. As conferencias serán en inglés e e a entrada de balde, previa inscrición no correo electrónico arturoxose.pereiro [at] usc.es (arturoxose[dot]pereiro[at]usc[dot]es) antes das 13.00 horas do 26 de setembro.
No transcurso deste Foro, a profesora Belleville falará sobre o papel do adestramento cognitivo para fomentar a saúde cognitiva e cerebral en persoas en risco de demencia, mentres que Simon Duchesne pronunciará o relatorio ‘Consorcio de Quebec para a identificación temperá da enfermidade de Alzheimer: neuroimaxe e biomarcadores’.
A Rede Galega de Investigación en Demencias (REGIDEM) é “un esforzo de investigación colaborativa e multidisciplinar nun tema de inmensa repercusión científica, clínica e social, como son as demencias”. Nela conflúen “actores do ámbito da investigación básica, clínica e grupos sociais e o apoio da Consellaría de Política Social”. REGIDEM aspira a ser a primeira rede dedicada ás demencias onde se xuntan “todos os sectores implicados, dende os grupos de investigación das tres universidades, institutos de investigación sanitaria, hospitais, ata as asociacións de enfermos e familiares de enfermos e o sector privado, atención xerontolóxica e xeriátrica.