Skip to main content

This portal uses its own or third-party cookies for analytical purposes, as well as links to third-party portals in order to share content on social networks. You can get more information in the cookies policy.

STG

Máis de 250 persoas daranse cita nunha xornada para abordar os retos da enfermidade de Parkinson

Na sesión do vindeiro día 11, agárdase a participación de máis de 250 persoas, entre pacientes e persoal sanitario implicado na atención e coidados a afectados que sofren esta patoloxía. FOTO: Santi Alvite
Na sesión do vindeiro día 11, agárdase a participación de máis de 250 persoas, entre pacientes e persoal sanitario implicado na atención e coidados a afectados que sofren esta patoloxía. FOTO: Santi Alvite
A Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC acollerá esta xuntanza organizada dende o CiMUS o vindeiro 11 de abril
Santiago de Compostela

O grupo de investigación de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Parkinson do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e o Servizo de Neuroloxía do CHUS organizan o vindeiro 11 de abril, ás 17.00 horas, un encontro na Facultade de Medicina e Odontoloxía co fin de achegar información a pacientes desta enfermidade e a persoas coidadoras. Dende 1994, cada 11 de abril conmemórase o Día Mundial do Parkinson. “Trátase dunha iniciativa promovida pola Organización Mundial da Saúde (OMS) co obxectivo de informar e sensibilizar á poboación sobre a situación e necesidades dos pacientes afectados por esta enfermidade neurodexenerativa e crónica que afecta en España a unhas 120.000-150.000 persoas e é a segunda afección neurodexenerativa máis frecuente, despois da enfermidade de Alzheimer”, apuntan dende a organización do evento.

A enfermidade de Parkinson constitúe unha patoloxía neurodexenerativa e crónica de orixe multifactorial. A data do 11 de abril foi elixida coincidindo co aniversario do nacemento do Doutor James Parkinson, neurólogo británico que describiu por primeira vez a enfermidade. Os problemas motores cos que cursa —aparición de tremores en repouso, lentitude de movementos, rixidez muscular e dificultade para iniciar a marcha— son os síntomas máis coñecidos pola poboación xeral. Con todo, existen outros síntomas non motores que, en moitas ocasións, poden deteriorar a calidade de vida do paciente: problemas do soño, depresión, trastornos de control de impulsos, e/ou problemas cognitivos. Malia que é unha enfermidade que habitualmente se diagnostica en idades avanzadas, tamén pode aparecer a idades temperás.

Na sesión do vindeiro día 11, agárdase a participación de máis de 250 persoas, entre pacientes e persoal sanitario implicado na atención e coidados a afectados que sofren esta patoloxía. Xa confirmaron a súa asistencia as asociacións Parkinson Galicia-Coruña; Acem: Asociación Compostelá de Esclerose múltiple; Asociación Ourensá de Esclerose Múltiple; Párkinson e Enfermidades Raras (AODEMPER); Asociación Parkinson provincia Pontevedra (Bueu); Asociación Parkinson de Vigo; e Asociación Párkinson Ferrol.

Durante o transcurso da xornada, o catedrático José Luis Labandeira García e os neurólogos Anxo Sesar, Gustavo Pajarín, Diego Santos e Carmen Labandeira impartirán charlas sobre liñas de investigación actuais e futuras, así como o éxito de medicacións clásicas (Levodopa) e a implementación de novos tratamentos como o HIFU. Ademais, representantes e persoas afectadas das diferentes asociacións compartirán a súa experiencia con neurólogos/as e investigadores/as. O coordinador da unidade de Trastornos de movemento do Servizo de Neuroloxía do CHUS, Anxo Sesar, e a investigadora do Grupo de Neurobiología Celular e Molecular da Enfermidade de Parkinson do CiMUS da USC, Ana Isabel Rodríguez, conducirán e moderarán a xornada.

The contents of this page were updated on 04.03.2023.