Skip to main content
STG

O terceiro Foro da Rede Galega de Investigación en Demencias celebrarase este xoves en Psicoloxía

O 3º Foro da Rede Galega de Investigación en Demencias celebrarase na Facultade de Psicoloxía este xoves 27 coa participación da profesora Sylvie Belleville, da Universidade de Montreal, e do profesor Simon Duchesne, da Universidade Laval, ambos de Canadá. As conferencias serán en inglés e e a entrada de balde, estando previsto que o programa comece ás 16.00 horas no Salón de Actos do centro.

No transcurso deste Foro, a profesora Belleville falará sobre o papel do adestramento cognitivo para fomentar a saúde cognitiva e cerebral en persoas en risco de demencia, mentres que Simon Duchesne pronunciará o relatorio ‘Consorcio de Quebec para a identificación temperá da enfermidade de Alzheimer: neuroimaxe e biomarcadores’.

A Rede Galega de Investigación en Demencias (REGIDEM) é “un esforzo de investigación colaborativa e multidisciplinar nun tema de inmensa repercusión científica, clínica e social, como son as demencias”. Nela conflúen “actores do ámbito da investigación básica, clínica e grupos sociais e o apoio da Consellaría de Política Social”. REGIDEM aspira a ser a primeira rede dedicada ás demencias onde se xuntan “todos os sectores implicados, dende os grupos de investigación das tres universidades, institutos de investigación sanitaria, hospitais, ata as asociacións de enfermos e familiares de enfermos e o sector privado, atención xerontolóxica e xeriátrica.

The contents of this page were updated on 09.26.2018.