Skip to main content
STG

Cara a un espazo común euro-latinoamericano e caribeño de educación superior, ciencia, tecnoloxía e innovación

A xuntanza servirá para orientar a acción académica e a xeración do coñecemento cara á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e a Axenda 2030. FOTO: Santi Alvite
A xuntanza servirá para orientar a acción académica e a xeración do coñecemento cara á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e a Axenda 2030. FOTO: Santi Alvite
Santiago de Compostela será anfitrioa da segunda edición do cumio académico e do coñecemento UE-CELAC que se desenvolve os días 4 e 5 de maio como punto de encontro para o debate e a reflexión crítica sobre aspectos cruciais para a integración birrexional
Santiago de Compostela

A segunda edición do cumio académico e do coñecemento UE-CELAC desenvolverase en Santiago de Compostela os días 4 e 5 de maio, organizado polas tres universidades públicas galegas, a Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral Iberoamericana, o Consello Universitario UE-CELAC e o Consello Superior Universitario Centroamericano. Participantes procedentes de universidades latinoamericanas, caribeñas e europeas, autoridades institucionais e políticas e representantes da sociedade civil daranse cita para outorgar continuidade ao proceso de diálogo aberto para a construción dun espazo birrexional en educación superior, ciencia, tecnoloxía e innovación que se iniciou na primeira edición do cumio celebrada no Salvador en 2017. O cumio está concibido como un punto de encontro para o debate e a reflexión crítica sobre aspectos cruciais neste eido.

Completan o comité organizador a Universidade do Salvador, a Unión de Universidades de América Latina e o Caribe, a Asociación de Universidades Grupo Montevideo, o Comité Executivo do Espazo Latinoamericano e Caribeño de Educación Superior, a Asociación Europea de Universidades, a Fundación EULAC, as Universidades do Caribe, a CRUE e o Consello de Reitores das Universidades Portuguesas. O acto inaugural botará a andar este xoves 4, ás 9.00 horas, na Cidade da Cultura e o relatorio inaugural correrá a cargo de Stefania Giannini, subdirectora xeral de Educación da UNESCO.

O obxectivo principal deste foro consiste en impulsar a construción dun espazo común euro-latinoamericano e caribeño de educación superior, ciencia, tecnoloxía e innovación, a través da xeración de coñecemento, o deseño de liñas comúns de acción, o establecemento de alianzas e de capacidades de promoción estables, a integración e a cooperación estratéxica, todo isto nun contexto de transformación da educación superior, contribuíndo así ao desenvolvemento do Plan de Acción UE-CELAC acordado polo Cume de Xefes de Estado e de Goberno desenvolvido en Bruxelas en 2015.

Metas

A xuntanza servirá para deseñar estratexias e instrumentos que promovan a creación dese espazo común; incidir na formulación de políticas públicas, plans e programas nacionais a través da creación de espazos de discusión, da elaboración de propostas con base científica e da vinculación da academia coa contorna; e para orientar a acción académica e a xeración do coñecemento cara á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e a Axenda 2030.

O cumio estrutúrase en relatorios maxistrais e mesas redondas, organizadas en sesións plenarias e sesións temáticas paralelas que virarán ao redor de tres eixos temáticos: a transformación dixital da educación superior con especial atención ao estado actual, retos e oportunidades; coñecemento para o desenvolvemento e a sustentabilidade no eido da ciencia, tecnoloxía e innovación; e a cooperación académica para a construción do Espazo de Educación Superior euro-latinoamericano e caribeño dende a internacionalización solidaria.

The contents of this page were updated on 05.02.2023.