Skip to main content
STG

O Welcome Day dará a benvida esta fin de semana a preto de 300 estudantes procedentes de 40 países

Imaxe de arquivo do Welcome Day de 2022. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo do Welcome Day de 2022. FOTO: Santi Alvite
O reitor Antonio López presidirá o acto que se desenvolverá este sábado 16, a partir das 12.30 horas, no Colexio de Fonseca
Santiago de Compostela

A quinta edición do ‘International Students Welcome Day’ servirá este sábado 16 para dar a benvida a preto de 300 estudantes internacionais que chegan á USC. O acto que se desenvolverá no xardín do Colexio de Fonseca, a partir das 12.30 horas, estará presidido polo reitor Antonio López e contará con alumnado procedente de corenta países, sendo as nacionalidades italiana, mexicana e alemá as que contarán cun maior número de estudantes no acto. 

En total, agárdase que ao longo deste curso se matriculen na USC máis de 1.000 estudantes estranxeiros. Co obxectivo de dar visibilidade ao labor de internacionalización da USC, a Oficina de Captación Internacional impulsa este acto que tamén contará coa participación da vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso; da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; da primeira tenente de alcaldesa, María Rozas; e da subdirectora xeral do Retorno, Begoña Solís Domínguez.  

“A internacionalización é un imperativo no contexto actual, polo que o International Students Welcome Day é un evento clave para amosar a súa relevancia”, destaca María José López Couso. O obxectivo perseguido pola USC é “xuntar esforzos e establecer sinerxías entre institucións públicas e privadas a prol da internacionalización, para amosar os beneficios que reporta á universidade, ás cidades de Santiago e Lugo e a Galicia no eido económico, cultural e social”, engade.

Aínda que a mobilidade na universidade se segue asociando fundamentalmente ao Programa Erasmus e ao ámbito territorial de Europa, a USC nos últimos dez anos ampliou dunha forma substantiva o tipo de programas e o seu ámbito xeográfico.  “É necesario romper a identificación de mobilidade con Erasmus, se ben é certo que é o programa de mobilidade con maior recoñecemento, unha marca en si mesma”, explican dende o Servizo de Captación Internacional.

Programa

O programa do evento contará con diferentes actividades encamiñadas a presentar a USC ante o novo alumnado, así como diferentes aspectos da cultura galega. Ao comezo da xornada terá lugar unha benvida institucional á que lle seguirán actividades de tipo lúdico con dinámicas de grupo para que o alumnado interactúe entre si ou unha mostra de música tradicional galega a cargo do Espazo de Danza da Universidade. A continuación, servirase un xantar con diferentes produtos típicos da gastronomía galega e unha sesión DJ servirá, xa en quenda de tarde, de colofón á xornada. 
 

The contents of this page were updated on 09.14.2023.