A Facultade de Filoloxía convoca o III Concurso literario ‘Mazarelos’

Fomentar a creatividade da mocidade universitaria e desenvolver a súa capacidade de expresión en lingua galega, así como contribuír a descubrir potenciais figuras para a nosa literatura son os obxectivos que guían a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía da USC para convocar por terceira vez o Concurso literario ‘Mazarelos’.
Son moitas as figuras literarias galegas que estudaron nas aulas da USC (Castelao, Otero Pedrayo, Carballo Calero, Xohana Torres, Méndez Ferrín, Chus Pato, Suso de Toro, Xavier Queipo, Luísa Villalta, Antón Riveiro Coello, Fran Alonso, ...) e en Filoloxía sempre houbo iniciativas como certames e revistas literarias (Ólisbos) para dar acubillo á creatividade no eido das letras galegas. Xa que logo, este certame recupera a tradición da Facultade para descubrir e proxectar novas voces que poidan chegar a ser figuras da literatura galega.
Este pode ser, se cadra, o futuro de Gisella Costas López, Alba María Rodríguez Díaz e Philip Duncan Webb, estudantes a quen o xurado lles concedeu os premios da segunda edición deste concurso o pasado ano.
O concurso está aberto á participación de todo o alumnado da USC, que pode participar cunha obra de calquera xénero literario e calquera tema, orixinal e escrito en lingua galega. O prazo para a presentación de orixinais rematará o mércores 29 de setembro de 2017.
Establécense tres premios de 500, 250 e 150 euros mais diploma, a concesión dos cales recaerá nun xurado composto por cinco membros: tres docentes da Facultade e dous escritores/as sen relación actual co centro.
O certame conta co apoio técnico do SNL da USC e o económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.