Skip to main content
STG

A Facultade de Filoloxía acolle o IV EMLex Colloquium on Lexicography

A Facultade de Filoloxía acolle o IV EMLex Colloquium on Lexicography
A Facultade de Filoloxía acolle o IV EMLex Colloquium on Lexicography

O próximo día 30 de marzo desenvolverase na Facultade de Filoloxía a cuarta edición do EMLex Colloquium on Lexicography , enmarcado nunha serie de encontros anuais promovidos polo EMLex Consortium, entidade responsable do Erasmus Mundus European Master in Lexicography que imparte a USC xuntamente con diversas universidades e centros de investigación de Alemaña, Francia, Polonia, Hungría, Portugal e Sudáfrica.

O coloquio de Santiago está organizado por un comité integrado por docentes do devandito máster, presidido por María José Domínguez Vázquez, representante da USC no EMLex Consortium, coa colaboración de Carlos Valcárcel Riveiro, da Universidade de Vigo.

Nesta edición o coloquio, que leva por título ‘Lexicography, teaching experience and professional practice. Building bridges between lexicography and industry’, centra a súa atención na necesidade de crear un espazo de intercambio entre o mundo académico que traballa no campo das humanidades dixitais e o da empresa. O obxectivo é favorecer que estes dous sectores colaboren para dar resposta ás necesidades dunha sociedade globalizada, multilingüe e dixital.

O coloquio desenvolverase ao longo de todo o día. A sesión matinal dedicarase a presentacións centradas no ensino e aprendizaxe da lexicografía así como na empregabilidade dos lexicógrafos, mentres que pola tarde haberá unha sección ("Talk with us!") na que editoriais, grupos de investigación, institucións e empresas presentarán algúns dos recursos e proxectos en que están traballando, e finalmente unha mesa redonda ("Building bridges between lexicography and industry") con participación de representantes do mundo académico, da esfera institucional e do ámbito da empresa.

The contents of this page were updated on 03.27.2017.