Skip to main content
STG

Estudantes de Ciencias da Educación impulsan un proxecto para fomentar a inserción laboral das persoas migrantes

O proxecto de Aprendizaxe-Servizo ‘TransForma a túa formación’ pretende mellorar a integración deste colectivo na sociedade

 

Foto dos participantes no proxecto | DAVID ÁLVAREZ

Os estudantes da modalidade presencial da materia 'A formación profesional' do máster universitario en profesorado de educación secundaria obrigatoria e bacharelato, Formación profesional e ensino de linguas da USC acaban de desenvolver unha plataforma web, con materiais audiovisuais e interactivos, dirixidos a asociacións que presten servicios a persoas migrantes e refuxiadas.

 

Esta actividade levouse a cabo no marco do proxecto de Aprendizaxe-Servizo (ApS) 'Transforma tu Formación' co que se pretende fortalecer a capacitación e mellorar a integración deste colectivo na sociedade. A finalidade última deste proxecto é que os recursos deseñados faciliten o procedemento de avaliación, recoñecemento e acreditación de competencias profesionais, entre outros contidos relacionados coa FP. 

 

Segundo a profesora do departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC, Silvia López Gómez, este proxecto "é un exemplo vivo de como a educación pode ser un motor de cambio e de como o profesorado e estudantado universitario poden marcar a diferenza na sociedade".

 

Este logro reflicte "o espírito de innovación e servizo que caracteriza a Facultade de Ciencias da Educación e deixa unha folla positiva na comunidade educativa e social", afirma. Así, na web creada polo estudantado poden atoparse videotutoriais sobre como obter o recoñecemento oficial das competencias profesionais cunha experiencia laboral de polo menos tres anos ou un mínimo de formación de 300 horas para, deste xeito, "aumentar as posibilidades de atopar emprego, mellorar as condicións laborais e seguir formándose".

 

A web informa a través dun mapa de como en Galicia é posible acreditar as competencias en 29 centros educativos, entre os que se inclúen institutos de educación secundaria e centros integrados de formación profesional. Tamén ofrece ampla información sobre a FP, xogos interactivos para afondar neste eido e un transformatuformaci%C3%B3n [at] gmail.com (mail )para trasladar consultas.

 

Enlace páxina web: https://transformatuformac.wixsite.com/my-site

 

 

 

 

 

The contents of this page were updated on 01.25.2024.