Skip to main content
STG

Maylee Y. Saavedra Castillo obtén un dos premios nacionais Avelino Corma polo seu TFM no Mestrado en Enxeñaría Química e Bioprocesos da USC

Maylee Y. Saavedra Castillo e o coordinador do mestrado, o profesor Héctor Rodríguez Martínez
Maylee Y. Saavedra Castillo e o coordinador do mestrado, o profesor Héctor Rodríguez Martínez
Na actualidade cursa o Programa de Doutoramento en Enxeñaría Química e Ambiental

A estudante da USC Maylee Y. Saavedra Castillo foi galardoada na categoría de Novos Materiais na I Edición dos Premios Nacionais Avelino Corma aos mellores TFM no eido da enxeñaría química que conceden conxuntamente o Colegio Oficial de Ingenieros Químicos de la Comunitat Valenciana e do Colegio Oficial de Profesionales en Ingeniería Química de Castilla-La Mancha e que se entregaron en Valencia.

O Traballo de Fin de Mestrado da estudante da USC foi desenvolvido no Mestrado en Enxeñaría Química e Bioprocesos, coordinado polo profesor Héctor Rodríguez Martínez, e titúlase ‘Influencia do secado nas propiedades de oleoxeles baseados en aceite de xirasol e hidroxipropilmetilcelulosa’. Maylee Y. Saavedra, de nacionalidade chilena, é unha das egresadas do mestrado da USC no curso 2022-2023 e actualmente é doutoranda do Programa de Doutoramento en Enxeñaría Química e Ambiental na mesma universidade. Cursou na USC o mestrado ao abeiro do convenio de dobre título existente entre esta titulación e a de Enxeñería Civil Bioquímica da Pontificia Universidad Católica de Valparaíso.

O Mestrado de Enxeñaría Química e Bioprocesos da USC, impartido integramente na Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE), é un dos que conseguiu, na última edición en 2023, a Mención de Excelencia a Mestrados do Sistema Universitario Galego que outorga anualmente a Xunta de Galicia.

 

The contents of this page were updated on 03.04.2024.