Skip to main content
STG

A USC conmemora un século dos estudos de Historia cun libro que revisa a súa evolución con miradas plurais

Ramón Villares, esquerda, Román Rodríguez, Antonio López e Marco García Quintela no comezo da presentación. FOTO: Santi Alvite
Ramón Villares, esquerda, Román Rodríguez, Antonio López e Marco García Quintela no comezo da presentación. FOTO: Santi Alvite
Ramón Villares dirixe a publicación, que inclúe biografías, testemuños de persoas que estudaron na Facultade e análises das particularidades das distintas épocas

Os estudos de Historia na Universidade de Santiago cumpriron 100 anos no curso académico 2022-23, efeméride que se conmemorou con distintas actividades, sendo o broche de ouro a presentación do libro 'Razón de historia: centenario dos estudos de historia na Universidade de Santiago de Compostela', que se desenvolveu este mércores 3 de abril no Paraninfo da USC. Presidiu o acto o reitor da USC Antonio López, quen salientou que o século de vida dos estudos de Historia como disciplina independente é “un feito moi importante” e “especialmente relevante”.

O decano da Facultade, Marco García Quintela, lembrou que a Facultade, coma a sociedade, está a enfrontarse a retos novos coma a busca da igualdade entre as persoas ou o cambio climático e como consecuencia diso “ao cambiar o noso tempo tamén cambian as preguntas sobre o noso pasado e tamén as respostas”. Así mesmo, lembrou que a sede da Facultade é “un dos edificios máis importantes da cidade” de Santiago, no que se xuntan para traballar ou estudar 1.500 persoas a diario, e aproveitou para reclamar a implicación das administracións para conservalo e restauralo “para a universidade e a cidade” e seguir difundindo “coñecementos xestados durante séculos e milenios”.

O ex reitor da USC Ramón Villares, director da publicación, apuntou que o volume recolle “a transformación da Facultade e dos estudos de Historia”, pois estudos superiores de Historia comezaron dentro da Facultade de Filosofía e Letras, de modo paralelo aos de Química, que o facían na Facultade de Ciencias, “uns principios serodios” en comparanza coa maior parte das universidades españolas, dos que foron xurdindo progresivamente diversas especialidades e, finalmente, licenciaturas e graos. Villares salientou a colaboración que tivo da comisión constituída para preparar o libro e mencionou algunhas das figuras xurdidas do centro, coma a de “Manuel Lucas Álvarez, que foi o primeiro catedrático formado na Facultade que despois deu clase nela”.

O conselleiro en funcións de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, quen impartiu clases na Facultade, puxo en valor a edición do libro, que correu a cargo de Edicións USC, como broche de ouro das conmemoracións polo centenario dos estudos de Historia na universidade compostelá.

A través de estudos, de exhaustivas biografías e testemuños directos, cun bo número de imaxes coma as históricas de Luís Ksado ou as actuais do fotógrafo e tamén antigo alumno da Facultade, Xurxo Lobato, a obra percorre un século dos estudos de Historia na USC a través de sete capítulos e varios anexos. Nos catro primeiros capítulos estúdanse a época anterior á Guerra Civil, a da posguerra ata 1982 e á evolución dos estudos desde ese ano á actualidade, cun apartado específico dedicado ás mulleres universitarias de Filosofía e Letras entre 1949 e 1969, dedicando espazos propios a biografías de mulleres e homes que deixaron unha especial pegada no eido dos estudos de Historia en terras galegas, como Luisa Cuesta, Pura Lorenzana, Manuel Lucas, Ramón Otero Pedrayo ou Xosé Ramón Barreiro Fernández. O quinto capítulo repasa a evolución dos estudos de Xeografía e Historia no Campus de Ourense e o sexto recolle os testemuños de Augusto Assía, Xosé Fortes Bouzán, Ana María Romero Masiá, Manuel Martínez Justo, Susana Fortes, Anxos Sumai, Miguel Anxo Murado e Rocío Romar. O último capítulo amosa as olladas de Xurxo Lobato á Facultade.

 

The contents of this page were updated on 04.03.2024.