Xornada clásica en Filoloxía para festexar o Día do Libro
Co gallo do Día do Libro, este martes 25 de abril terá lugar na Facultade de Filoloxía a III Xornada Clásica, unha mañá chea de actividades organizadas por alumnado e egresados de Filoloxía Clásica que pretende dar a coñecer as culturas grega e romana de formas entretidas e anovadoras.
Así, de 9.00 a 14.00 horas o vestíbulo da Facultade de Filoloxía acollerá obradoiros de caligrafía e de xogos tradicionais romanos así como a proposta lúdica ‘Pasa a dracma, pasa o denario’ (adaptación do coñecido Pasapalabra con temática clásica), unha demostración do grupo de arqueoloxía experimental Encellas de Esparto.
Un dos actos máis destacados da xornada será o Recital Aberto, unha lectura libre de textos de calquera lingua, tema, xénero, autoría ou estilo que se desenvolverá a partir das 12:00 horas. As actividades serán completamente gratuítas e abertas a todo o público que desexe achegarse ao centro.