Skip to main content
STG

Nace o Laboratorio de Riscos Psicosociais para avanzar no benestar laboral

Asinarono convenio o reitor Antonio López e o conselleiro José González. Foto: Xunta de Galicia
Asinarono convenio o reitor Antonio López e o conselleiro José González. Foto: Xunta de Galicia
Por parte da USC, lidera a iniciativa o Departamento de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía da USC

O reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, e o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, asinaron este mércores un protocolo de actuación entre o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) e a USC para a creación do Laboratorio de Riscos Psicosociais co fin de avanzar na saúde psicosocial das persoas traballadoras nas empresas galegas e na promoción da saúde no traballo.

No acto de sinatura participaron tamén o profesor de Psicoloxía do Traballo e das Organizacións do Departamento de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía da USC, que lidera o proxecto na parte universitaria, Carlos Montes Piñeiro, e a xerente do Issga, Adela Quinzá-Torroja.

Esta acción enmárcase na Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027 do Goberno galego e nace da necesidade de preparar tanto a Administración laboral como o propio eido universitario desde unha óptica preventiva para unha adecuada xestión dos riscos psicosociais que afectan as persoas traballadoras, como o estrés, a violencia ou o desgaste profesional.

Con ese fin, a comunidade galega buscará co laboratorio aumentar o coñecemento dos riscos psicosociais, articular as medidas máis axeitadas para previlos e orientar ás empresas e ás persoas traballadoras. Neste sentido, funcionará como espazo de ideas e xeración de coñecemento, traballo especializado na investigación, desenvolvemento e innovación sobre diferentes aspectos relativos á Prevención de Riscos Laborais.

Entre as súas funcións estará a de elaborar material técnico para acompañar o tecido empresarial de Galicia en novas iniciativas que incidan na mellora das condicións de traballo e que axude as empresas a afrontar de xeito adecuado novos modelos con riscos diferentes. Desenvolveranse, entre outras accións, proxectos de I+D+i, traballos e teses de doutoramento, iniciativas de sensibilización e campañas de saúde mental nas empresas.

O reitor e conselleiro estiveron acompañados do profesor Carlos Montes e da xerente do Issga. Foto: Xunta de Galicia
O reitor e conselleiro estiveron acompañados do profesor Carlos Montes e da xerente do Issga. Foto: Xunta de Galicia
The contents of this page were updated on 06.19.2024.