A CRUE celebra en Santiago unha xuntanza de traballo da súa comisión de sustentabilidade e riscos laborais

A Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE) celebra este xoves 6 e o venres 7 dúas xornadas de traballo centradas na xestión da sustentabilidade e dos riscos laborais nas universidades españolas e coa participación de representantes de 60 universidades de toda España. O reitor Juan Viaño presidiu a sesión inaugural xunto co reitor da Universidade de Alcalá e presidente da Comisión Sectorial CRUE-Sustentabilidade, Fernando Galván Reula; a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, Dolores Álvarez Pérez; e da secretaria executiva da Comisión Sectorial CRUE-Sustentabilidade, a vicerreitora da Universidade Valencia María Vicenta Mestre Escrivà.
A USC “mantén un alto compromiso coas diferentes dimensións da Responsabilidade Social Universitaria (RSU) e a prevención dos riscos laborais”, afirmou o reitor durante esta sesión. O Plan de Desenvolvemento Sostible aprobado pola USC con carácter pioneiro en 2013 foi un dos exemplos postos en valor polo reitor compostelán neste eido, no que “só dende a cooperación dos actores implicados poderemos aspirar a cumprir os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable”. Ademais, Viaño considera que no campo da xestión, “estes obxectivos esíxennos tamén tender pontes entre os ámbitos de actuación e planificación das nosas institucións” .
Na quenda de intervencións o presidente desta Comisión agradeceu a organización deste encontro que deixa constancia do interesa da USC e da Universidade española pola posta en valor de cuestións asociadas coa sustantabilidade, cuestión nos que a CRUE traballa de xeito continuado dende hai quince anos.
“O reto da sustentabilidade e a aposta pola cultura do medioambiente forman parte da axenda desta universidade dende hai máis de tres décadas” lembrou a vicerreitora Dolores Álvarez en alusión á inclusión nos anos 80 en estudos de Pedagoxía de materias de corte ambiental. Ademais da implantación dun Plan específico en Desenvolvemento Sostible ou dun Oficina específica para este ámbito, a USC “xerou estruturas e desenvolveu programas que teñen afianzado a súa relación coa contorna máis próxima e o seu compromiso coa sociedade como beneficiaria dos resultados da educación, a investigación e a xestión responsable. No ámbito estatal, a USC formou parte do grupo de traballo sobre calidade ambiental e desenvolvemento sostible e na actualidade participa activamente en dous dos grupos de traballo en que se estrutura a comisión sectorial CRUE-Sustentabilidade, o de sustentabilidade curricular e o de prevención de riscos laborais.
Programa
Logo da xornada inaugural celebrouse a mesa redonda ‘A universidade ante o reto da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable’, que deu paso a dúas sesións paralelas sobre riscos laborais e sustentabilidade, respectivamente. Na primeira delas, tratáronse cuestións relativas á toxicoloxía laboral e ás responsabilidades en materia de prevención de riscos laborais, mentres que na segunda celebrouse un papel de experiencias que poñen en relación sustentabilidade e universidade.
Polo tarde, o programa está reservado ás xuntanzas dos distintos grupos de traballo desta sectorial da CRUE: avaliación da sustentabilidade universitaria, melloras ambientais en edificios universitarios, participación e voluntariado, sustentabilidade curricular, universidade e mobilidade sustentable, universidades saudables, urbanismo universitario e sustentabilidade e prevención de riscos laborais. O venres reunirase o comité executivo e celebraranse xuntanzas de subgrupos ademais de incluír unha xornada para a posta en común.