Skip to main content
STG

A XV edición do Día da Química celébrase este mércores na USC

A XV edición do Día da Química celébrase este mércores na USC
A XV edición do Día da Química celébrase este mércores na USC
É a primeira vez que este acto, que contará coa participación do científico Liz-Marzán, se desenvolve en Galicia

No ano 2002 o Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía recoñeceu oficialmente o 15 de novembro como o Día da Química, unha celebración creada por distintos organismos e asociacións sectoriais e profesionais do sector químico en España co fin de impulsar a divulgación da ciencia química e a súa industria e sensibilizar á sociedade sobre a súa contribución á mellora da calidade de vida.

A celebración chega este ano a Galicia por primeira vez. Concretamente, á Universidade de Santiago, organizada polo Foro Química y Sociedad xunto ás outras dúas universidades galegas e a colaboración coa Facultade de Química, o Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) e a Sección Autonómica de Galicia da Real Sociedad Española de Química.

O acto inaugurarase ás 12.00 horas na Aula Magna Antonio Casares da Facultade de Químicas coa participación do reitor Juan Viaño, a decana da facultade anfitrioa, Pilar Bermejo, e o presidente do Foro Química y Sociedad, Carlos Negro. A continuación terá lugar a entrega de distintos premios de recoñecemento profesional, científico e académico, como os IX SusChem Xóvenes Investigadores Químicos, o premio á excelencia Química do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Químicos de España e o ANQUE 2017 ao recoñecemento corporativo e profesional.

Luis Liz-Marzán
A cerimonia contará ademais coa participación de Luis M. Liz-Marzán, profesor de investigación Ikerbaske e director científico do CIC biomaGUNE, que impartirá a conferencia ‘ Algunhas achegas da química á nanotecnoloxía’. Doutor en Química pola USC, Liz-Marzán é un dos pioneiros na síntese de nanopartículas metálicas e deseñou aplicacións relacionadas coa detección ultrasensible e a diagnose precoz de enfermidades. Conta con máis de 20 anos de experiencia investigadora nas universidades de Vigo, Utrech, Tohoku, Michigan, Melbourne, Hamburg e no Max Planck Institute of Colloids and Interfaces.

Entre outras distincións, o profesor Liz-Marzán conta coa Medalla da Real Sociedad Española de Química, e en 2015 recibiu o premio Rey Jaume I á Investigación Básica pola súa achega á ciencia de materiais, relacionando química e bioloxía. Luis M. Liz-Marzán está na lista dos científicos máis citados do mundo.

Ata o momento, a celebración oficial do Día da Química tivo lugar en Salamanca (2003), Alcalá de Henares (2004), Barcelona (2005), Valencia (2006), Tarragona (2007), Oviedo (2008), Burgos (2009), Murcia (2010), Barcelona (2011), Madrid (2012), Granada (2013), Santander (2014), Madrid (2015) e Huelva (2016).

The contents of this page were updated on 11.14.2017.