Skip to main content
STG

Ciencias e ADE amosan a súa faciana máis internacional

Estudantes internacionais na Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo
Estudantes internacionais na Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo
O alumnado estranxeiro das facultades de Ade e Ciencias amosa a cultura dos seus respectivos países na International Week, que percorre esta semana o Campus Terra

O alumnado internacional matriculado este curso nas titulacións universitarias impartidas na Facultade de Administración e Dirección de Empresas e na Facultade de Ciencias do Campus Terra da USC presentou este luns a riqueza cultural dos seus respectivos países de orixe no marco da International Week, unha celebración que percorrerá este semana os distintos centros da sede universitaria luguesa e a través da que se pretende fomentar a mobilidade estudantil, ademais de concienciar a compañeiros e compañeiras do relevante que pode ser nas súas vidas completar a súa formación académica nun país distinto ao seu.

A actividade desenvolvida este luns na Facultade de Administración e Dirección de Empresas, na que se deron cita alumnos e alumnas procedentes de India, Francia, Arxentina, Guinea Ecuatorial, Colombia e México, que estudan tanto na propia facultade de Ade, como en Ciencias, serviu de lanzadeira da International Week. O estudantado participante nesta cita atendeu un stand informativo, desde o que trataron de achegar as culturas dos seus países ao alumnado do campus lugués. Ademais destes representantes internacionais, outros estudantes españois que gozaron de estancias en Bélxica e Polonia tamén estiveron presentes na celebración.

Responsables do Servizo de Integración e Participación Universitaria, Servizo de Relacións Exteriores, Centro de Linguas Modernas e a Área de Orientación e Inserción Laboral da USC no Campus Terra pronunciarán este martes 21, na aula e-Terra situada na Biblioteca Intercentros, entre as 12.30 e as 14.30 horas, distintos relatorios nos que afondarán nos beneficios da mobilidade internacional.

O mércores 22 de novembro será a quenda da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, onde alumnado procedente de Alemaña, Brasil, Xordania, Tunisia e Colombia, contará co seu propio espazo expositor tamén entre as 12.00 e as 14.00 horas. Con idéntico horario aos outros centros, o xoves 23 de novembro, será a quenda das facultades de Humanidades, Enfermaría e Relacións Laborais. O complexo docente acollerá esta xornada un espazo expositor con alumnado procedente de Portugal, Italia, Turquía e México.

A International Week do Campus Terra da USC completarase o sábado 25 de novembro co roteiro Lugo-A Fervenza-Castro de Viladonga, unha expedición aberta á participación tanto ao alumnado internacional como a todo o alumnado que colabora no Buddy Program, a iniciativa do Campus Terra da USC no que os alumnos e alumnas se inscriben para contribuír á integración no campus e na cidade do alumnado procedente doutras partes do mundo. O principal obxectivo deste roteiro consiste en achegarse ao rural e ao seu patrimonio tanto material como inmaterial. Esta actividade estará guiada polos profesores da USC no Campus Terra, Ana Cabana, Elena Freire e Juan Ortiz.

The contents of this page were updated on 11.20.2017.