Skip to main content
STG

A USC dá a benvida ao alumnado internacional no Welcome Day

Na xornada participaron 400 estudantes de 40 países. Foto: Santi Alvite
Na xornada participaron 400 estudantes de 40 países. Foto: Santi Alvite
Ao acto nos xardíns de Fonseca asistiron preto de 400 estudantes de máis de 40 países

Arredor de 400 estudantes de máis de 40 países de todo o mundo asistiron este sábado 14 no Xardín das Pedras que falan á sexta edición do Welcome Day, a tradicional xornada coa que a USC dá a benvida ao seu alumnado internacional. Organizada pola Vicerreitoría de Titulacións e Internacionalización, a xornada presidiuna o reitor Antonio López coa participación da vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso; a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo Queijo, e da primeira tenente de alcaldesa, María Rozas.

“Ademais da experiencia académica, aproveitade as oportunidades que vos brindan as cidades de Santiago e Lugo para  a vosa vivencia persoal”, animou o reitor da USC, Antonio López na súa intervención. “É unha honra para nós contar cada curso académico con 1.500 estudantes de máis de 40 países nos nosos campus”, engadiu.

“A USC é unha universidade que conxuga tradición e modernidade cunha ampla variedade de titulacións, dende as más clásicas, ata programas máis innovadores”, destacou pola súa banda a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso. "Neste evento reunimos a alumnado de programas de mobilidade, mestrado, doutoramento, programas de cooperación como Learn África ou para alumnado procedente de zonas es conflito. Espero que vos sintades coma en casa”, concluíu.

O programa do evento contou con diferentes actividades encamiñadas a presentar a universidade compostelá ao novo alumnado así como diferentes aspectos da cultura galega. Tamén se desenvolveron accións de tipo lúdico e gastronómico para que os alumnos interactuasen entre eles e unha mostra de música tradicional galega a cargo do Espazo de Danza da USC.

Máis alá do Erasmus
A USC conta este curso académico con máis de 1.500 estudantes internacionais procedentes de 40 países, que pertencen a diversos programas de mobilidade. Aínda que a mobilidade na universidade segue a asociarse fundamentalmente ao programa Erasmus e a Europa, nos últimos dez anos a institución compostelá ampliou de forma substantiva o tipo de programas e o seu ámbito xeográfico, incluíndo actualmente programas con Latinoamérica, Xapón, Líbano, Marrocos, Exipto ou China.

Na actualidade, a USC ten asinados 600 convenios de mobilidade, o que implica posibilidades de mobilidade con practicamente todo o mundo, fundamentalmente con Iberoamérica por motivos culturais e históricos, pero tamén co norte de África, Norteamérica ou Oriente Medio.

Un 90% do alumnado repetiría na USC
Segundo un estudo realizado pola propia USC, o índice de satisfacción do alumnado estranxeiro na USC é moi elevado, xa que o 90% afirma que repetiría a súa experiencia nesta universidade. Esta mesma enquisa puxo de manifesto que o estudantado internacional é un importante embaixador da USC cando regresa á súa universidade de orixe: un 40% dos novos estudantes decántase pola institución compostelá en base á experiencia positiva do alumnado de cursos precedentes.

A ampla oferta académica da USC, a súa longa tradición, os servizos culturais e deportivos ou a experiencia de estudar e vivir en dúas cidades declaradas Patrimonio da Humanidade pola UNESCO son algúns dos factores que fan que o alumnado estranxeiro se decante pola USC, segundo esta mesma enquisa.
 

The contents of this page were updated on 09.14.2024.