Skip to main content
STG

Unha exposición recupera a memoria das cantantes líricas galegas dos séculos XIX e XX

As irmás cantantes Ángeles Ottein e Ofelia Nieto, compostelás de adopción
As irmás cantantes Ángeles Ottein e Ofelia Nieto, compostelás de adopción
‘Cantantes Líricas Galegas dos séculos XIX e XX. De Galicia aos teatros de Europa, América e África’ representa 23 solistas galegas, entre as que se inclúen as voces de Benita Moreno, Bibiana Pérez, Ofelia Nieto, Ángeles Ottein ou Joséfina Cubeiro

O Colexio de Fonseca acollerá desde este venres 4 de outubro e até o vindeiro 16 de novembro a exposición ‘Cantantes líricas galegas dos séculos XIX e XX. De Galicia aos teatros de Europa, América e África’. A mostra recupera a memoria de 23 mulleres a través de 18 paneis informativos ilustrados –organizados todos eles a modo de bastidores dun teatro- e 10 amplas vitrinas onde se recompila abondosa documentación, tanto de carácter persoal como profesional, de cada unha delas. Ademais, os contidos sonoros inzarán esta mostra, grazas ás gravacións realizadas entre 1920 e 1970 e conservadas até día de hoxe.

O profesor de Historia da Música da USC Javier Garbayo, comisario da mostra xunto á profesora da Universidade Internacional da Rioxa Mª del Carmen Lorenzo Vizcaíno, explica que a edificación e reforma dos teatros galegos, as visitas continuadas de compañías de ópera e zarzuela foráneas e a constante integración de músicos locais nestas formacións supuxeron “un grande impulso para lírica en Galicia, así como tamén para as voces femininas galegas no xénero. Unhas voces que, co transcorrer das décadas, gañaron sona e relevancia nos grandes teatros europeos, americanos e africanos”. Asegura Garbayo que “a presenza de cantantes galegas de nacemento ou de adopción se fixo frecuente para interpretar por todo o mundo os grandes roles femininos do repertorio lírico italiano, francés e alemán, ademais do repertorio español e galego no eido da zarzuela”.

Arquivo sonoro
A mostra dedica unha especial atención ás gravacións conservadas da voz destas cantantes feitas entre as décadas de 1920 e 1970. A selección de audios recolle as voces de Mary Isaura, Ofelia Nieto, Ángeles Ottein, Matilde Vázquez, Lola Rodríguez Aragón, María Luisa Nache, Inés Rivadeneira, Josefina Cubeiro e Ángeles Gulín.

Dentro do discurso expositivo e do deseño da exposición, tamén gaña gran protagonismo o espazo dedicado ás irmás Ángeles Ottein e Ofelia Nieto (Ángeles modificou o seu nome, dándolle a volta ao apelido Nieto e sumándolle un ‘t’ co obxectivo de se diferenciar de Ofelia a nivel artístico). Estas dúas irmás foron as principais sopranos españolas da primeira metade do século XX, ligadas pola súa orixe e afecto a Compostela. De feito, as dúas –malia nacer en Madrid– sempre se declararon galegas e convertéronse co paso de tempo en auténticas estrelas para as comunidades na diáspora. Cantantes líricas galegas dos séculos XIX e XX tamén inclúe unha proposta de actividades didácticas e lúdicas en diversos formatos.

Ciclo de conferencias e concertos
Está programado ademais un ciclo de conferencias en paralelo á mostra que serán impartidas na sede da Real Sociedad Económica de Amigos del País en Santiago e na Facultade de Xeografía e Historia da USC por Emilio Casares (10 de outubro), Javier Garbayo (17 de outubro), Mª del Carmen Lorenzo (21 de outubro), Arturo Reverter (30 de outubro) e Andrea Vitalini (6 de novembro). Ademais, celebrarase un concerto adicado ás Novas voces galegas que terá lugar no Auditorio de Galicia en colaboración coa Real Filharmonía de Galicia no que tres figuras emerxentes do noso panorama lírico ofrecerán una coidada selección de pezas de ópera e zarzuela.

Proxecto colaborativo
A exposición é produto dunha estreita colaboración entre institucións, xa que está organizada pola USC xunto coa Axencia Estatal de Investigación, coa Asociación de Amigos de la Ópera de Santiago e cos grupos de investigación da USC organistrun (GI-2025) e Tecnoeduc (GI-1438). Ademais están implicadas institucións galegas, estatais e internacionais. A listaxe de colaboración inclúe a Xunta, o Consello da Cultura Galega, a Deputación da Coruña, o Concello de Santiago, a Academia Galega de Belas Artes, a Biblioteca Nacional de España, o Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, a Filmoteca Española, a Fundación Juan March, o Museo Casa de la Troya, o Museu de les Arts Escèniques, a SGAE, o Teatro La Fenice de Venecia e o Teatro alla Scala de Milán.

Listado completo de cantantes representadas na mostra

S. XIX
Benita Moreno
Cristina Villó
Elisa Villó, 
Carlota Villó, 
Matilde Villó
Carolina Casanova de Cepeda
Rosario Salgado de Pereira
Asunción R. Lantes
Dorinda Rodríguez
Bibiana Pérez

S. XX
Enriqueta Brandón
Honoria Goicoa
María Pardo Trapote
Carmen Varela
May Isaura
Ofelia Nieto
Ángeles Ottein
Matilde Vázquez
Lola Rodríguez Aragón
María Luisa Nache
Inés Rivadeneira
Ángeles Gulín
Josefina Cubeiro 

The contents of this page were updated on 10.01.2024.