Skip to main content
STG

A catedrática da USC María Loureiro, premio María Josefa Wonenburger Planells

María Loureiro
María Loureiro
O pleno da Unidade da Muller e da Ciencia decidiu por unanimidade premiar a profesora e investigadora da USC polo seu labor na investigación, “o que a converte nunha das científicas máis influentes do mundo”

A catedrática de Fundamentos de Análise Económica da Universidade de Santiago de Compostela, María Loureiro, vén de ser recoñecida co Premio María Josefa Wonenburger Planells polo seu labor na investigación científica, “o que a converte nunha das científicas máis influentes do mundo”.

O galardón premia o seu labor investigador no campo da economía ambiental e dos recursos naturais, o seu ámbito de especializacion, que tivo como resultado traballos destacados, entre os que figura por exemplo o estudo sobre a avaliación económica dos danos ambientais do Prestige, que foi utilizado pola propia Fiscalía no proceso de reclamación de danos. Nestes momentos, está a liderar un proxecto sobre as narrativas da economía do cambio climático, como evolucionan as preferencias polas políticas de mitigación e adaptación nos medios sociais.

Na súa decisión unánime, a Unidade da Muller e da Ciencia destacou tamén a pertenza de María Loureiro na Real Academia Galega das Ciencias desde o ano 2022, sendo a primeira muller académica numeraria da Sección de ciencias Económicas e Sociais.

A premiada
María Loureiro (A Pontenova, Lugo, 1972) é licenciada en Economía pola USC e doutora pola Washington State University. En 2004 volve á USC da man do Programa Ramón y Cajal e dende o ano 2010 é catedrática de Fundamentos da Economía na USC. Ademais, foi profesora titular na Colorado State University e na Carlos III de Madrid.

A profesora da USC é ademais a responsable do grupo de investigación ECO-IURIS de análise xurídico-económica e a directora científica dende a súa creación en decembro 2021 do Centro de Investigación Interuniversitario ECOBAS, integrado por investigadores das tres universidades galegas no eido das ciencias sociais. Conta no seu haber con máis de 120 publicacións científicas e sete teses de doutoramento dirixidas e neste momento colabora en catro proxectos de investigación.

O Premio María Josefa Wonenburger Planells outórgase anualmente desde o ano 2007  e leva o nome da investigadora matemática galega, pioneira e referente internacional no ámbito das ciencias e que, ademais, foi unha investigadora adiantada aos seus tempos.
 

The contents of this page were updated on 11.14.2024.