Skip to main content
STG

Química analizará a investigación actual en epidemioloxía de augas residuais aplicada ao consumo de drogas

A xornada sobre ‘Estimación do abuso de drogas’ é unha actividade gratuíta, previa inscrición, que se celebrará na Facultade de Química o próximo xoves 16 aberta a estudantado universitario, persoal investigador ou docentes. Esta é unha xornada que organiza a Rede Española de Análises de Augas Residuais con Fins Epidemiolóxicos (ESAR-Net) e que coordina o profesor José Benito Quintana. O prazo de inscrición previa estará aberto ata o 14 de novembro.

A xornada estrutúrase nunha primeira parte na que se exporá a problemática do abuso de drogas, seguida dunha presentación da investigación actual no campo da epidemioloxía das augas residuais, para terminar cunha mesa redonda para o intercambio de coñecemento entre diferentes disciplinas. Nela participarán poñentes do European Monitoring Centre for Drugs and Drug Addiction (EMCDDA), da Consellaría de Sanidade, do Consello Superior de Investigacións Científicas e das universidades Jaume I e de Santiago de Compostela.

O equipo de organización desta xornada considera que o consumo de drogas é un comportamento complexo, oculto e estigmatizado que resulta difícil de cuantificar. A análise de augas residuais para a determinación de produtos de excreción metabólica humana (epidemioloxía das augas residuais) “pode ofrecer datos obxectivos en tempo real sobre pautas xeográficas e temporais do abuso de sustancias e, combinado e integrado con outros métodos establecidos, pode ofrecer unha imaxe máis clara sobre esta problemática”, aclara o profesor José Benito Quintana.

ESAR-Net é unha rede científica financiada pola Axencia Estatal de Investigación do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade a través da convocatoria Redes de Excelencia 2016. Coordinado polo profesor e investigador do Instituto de Investigacións e Análises Alimentarias da USC, a rede intégrana seis grupos de investigación españois co fin de contribuír ao avance científico da epidemioloxía de augas residuais en España e difundir o potencial desta ferramenta ás autoridades e entidades potencialmente interesadas e á sociedade en xeral.

The contents of this page were updated on 11.09.2017.