Skip to main content
STG

O IV Ciclo conmemora a súa patroa poñendo en valor a tradición oral e os saberes das persoas maiores

Parte do estudantado do Diploma Sénior do IV Ciclo da USC. FOTO: Santi Alvite
Parte do estudantado do Diploma Sénior do IV Ciclo da USC. FOTO: Santi Alvite
O profesor da Facultade de Xeografía e Historia Anxo Rodríguez Lemos pronunciou a conferencia central da xornada, co título ‘Devolver o recibido. Unha experiencia persoal’

O estudantado do Diploma Sénior conmemorou este luns cun acto institucional no Colexio de Fonseca o día da patroa do IV Ciclo da USC, que conmemora a figura de Francisca Álvarez González, unha mestra que se sitúa entre as pioneiras da educación formal para persoas adultas en Galicia.

A directora do programa universitario do IV Ciclo, Esther Olveira, presidiu o acto conmemorativo e salientou o feito de que Francisca Álvarez "foi unha patroa elixida polo estudantado” e recordou o seu traballo como educadora, subliñando o feito de que “para calquera docente o gran regalo non é só o que fai, senón o que recibe de volta, que deixa impronta nun”.

A conferencia central da xornada, co título ‘Devolver o recibido. Unha experiencia persoal’, correu a cargo do profesor da Facultade de Xeografía e Historia Anxo Rodríguez Lemos, quen sinalou que desde moi novo “absorbín os saberes dos maiores”, lembrando como a súa bisavoa Aurelia lle contaba lendas e contos, e como el máis adiante, desde os 14 anos, comezaría a desenvolver traballos de campo nos que recollía datos de informantes, construíndo “un cúmulo de experiencias e información”.

O docente, que imparte clases no programa universitario IV Ciclo da USC desde a pasada década, puxo de relevo o feito de que as persoas maiores poden achegarlles a xeracións máis novas as súas “habilidades sociais e técnicas, cantos, poesía, saberes ancestrais...” e configurar un importante corpus de comunicación oral e ás veces escrita, como no caso das libretas que os mariñeiros enchían de datos cos segredos das zonas de pesca máis produtivas.

As actuacións musicais do acto interpretáronas a soprano Alicia Gómez Veiga, Carla Veiga Otero e Alejandro González Lorenzo nos violíns e Iria Fernández Fernández na viola.

Oferta
O Diploma Sénior é unha parte das ensinanzas do IV Ciclo Universitario da USC, unha oferta educativa da Universidade específica para estudantado maior de 50 anos, con independencia do seu nivel educativo previo, para darlle resposta á crecente necesidade de formación que existe en Galicia entre persoas de idade avanzada.
 

The contents of this page were updated on 12.09.2024.