O Campus Terra da USC acolle dende este mércores 26 e ata o venres 28 o foro ‘A xestión cultural como espazo profesional’
A Facultade de Humanidades do Campus Terra da USC acolle entre o mércores 26 e o venres 28 de setembro o foro de debate ‘A xestión cultural como espazo profesional’, o cal concíbese como un lugar de encontro entre profesionais que traballan no eido da cultura en xeral, así como do Campus Terra en particular, coa intención de definir o perfil do xestor/a cultural en canto ás competencias e coñecementos que se demandan no mercado laboral actual e futuro. A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, abrirá o workshop ás 10.00 horas, no Laboratorio de Idiomas da Facultade de Humanidades.
Cada unha das xornadas que integran este foro de debate estruturarase en dous bloques. No primeiro deles, búscase coñecer a opinión das empresas/entidades respecto aos perfís profesionais necesarios actualmente no sector cultural. De modo máis específico, procúrase coñecer a percepción sobre o actual Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural da USC e a súa adecuación ás demandas do mercado, así como a percepción sobre a oferta docente existente no eido das humanidades.
No segundo bloque, que comezará a partir das 12:00 horas, abordarase como ven os/as profesionais da cultura o futuro do Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural e cales serían os cambios necesarios para adaptarse ás futuras demandas profesionais en canto a coñecementos e competencias transversais dos/as profesionais da cultura. Ademais, abordarase como ven o futuro en canto a nichos de emprego no eido da cultura.