Skip to main content
STG

Santiago Galdo nomeado presidente da SEPNECA

Santiago Galdo Álvarez, novo presidente da SEPNECA
Santiago Galdo Álvarez, novo presidente da SEPNECA
Santiago Galdo Álvarez, investigador do IPsiUS e membro do grupo Neucoga-Aging, foi nomeado presidente da Sociedade Española de Psicofisioloxía e Neurociencia Cognitiva e Afectiva (SEPNECA).

A SEPNECA é unha sociedade científica de referencia no ámbito da psicofisioloxía, a neurociencia cognitiva e a neurociencia afectiva, dedicada a promover a investigación, a formación e o intercambio entre investigadoras e investigadores de diferentes institucións, tanto do Estado español como doutros países. Desde a súa creación nos anos noventa, contribuíu a consolidar unha comunidade científica sólida, diversa e colaborativa que impulsa o avance da psicoloxía e das neurociencias.

A designación tivo lugar durante o XIV Congreso de SEPNECA, celebrado a pasada semana en Baeza (Xaén), un encontro que reuniu a investigadoras e investigadores de múltiples universidades e centros de investigación para compartir os últimos avances sobre cognición, emoción e actividade cerebral. Varias persoas do IPsiUS participaron activamente no congreso, presentando comunicacións e contribuíndo ao intercambio científico.

O nomeamento do Dr. Galdo supón un recoñecemento á súa destacada traxectoria e ao seu compromiso coa excelencia científica, a colaboración interdisciplinar e o fortalecemento da comunidade investigadora. Desde o IPsiUS, trasladámoslle os nosos parabéns máis sinceros e desexámoslle moito éxito nesta nova etapa á fronte da SEPNECA.

Estamos seguras e seguros de que o seu liderado seguirá reforzando o papel da investigación en psicofisioloxía e neurociencia cognitiva e afectiva, e que continuará impulsando o crecemento e a visibilidade desta comunidade científica. 

The contents of this page were updated on 10.13.2025.