Skip to main content
STG

Un estudo aborda o vínculo entre José Ángel Valente e a xeración do 36

Laura Paz Fentanes posa coa súa tese e a carón dun retrato de Valente
Laura Paz Fentanes posa coa súa tese e a carón dun retrato de Valente
A investigadora Laura Paz Fentanes analizou o epistolario do autor galego con autores como Camilo José Cela, Luis Rosales ou Carlos Bousoño
Santiago de Compostela

Laura Paz Fentanes analizou, transcribiu, editou e anotou na súa tese dedoutoramento os epistolarios do poeta ourensán José Ángel Valente con autores da xeración do 36 como Luis Rosales, José Luis Cano, Camilo José Cela, Carlos Bousoño, José María Valverde, Gabriel Celaya, Blas de Otero, Eugenio de Nora ou Ramón Xirau. Na tese titulada Epistolario de José Ángel Valente con escritores españoles de posguerra. Correspondencia con los miembros de la generación del 36 a autora extrae as conclusións xerais do tipo de vínculo de José Ángel Valente con cada un dos autores e coa xeración do 36 en conxunto, que é cronoloxicamente anterior á súa.

O estudo valeuse do legado de Valente custodiado na Cátedra que leva o seu nome, onde se conservan as miles de cartas que recibiu o poeta e os centos de copias das súas propias misivas que gardou. Paz Fentanes tamén tivo que buscar moitas cartas das que Valente enviou e que agora obran en mans públicas, privadas ou familiares, segundo cada caso. Complementariamente, consultou a biblioteca persoal de Valente e decenas de libros relacionados coa súa vida e coa súa obra, así como cos escritores estudados da xeración do 36.  

A tese, dirixida polo poeta e director de Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética Claudio Rodríguez Fer, foi defendida na Facultade de Filoloxía da USC e obtivo a cualificación de Sobresaliente Cum Laude. O tribunal presidiuno Adolfo Sotelo Vázquez, da Universidade de Barcelona, e integrouno tamén Isabel Giménez Caro, da Universidade de Almería, e Alejandra Ulla Lorenzo, da Universidade de Santiago de Compostela. 
 

The contents of this page were updated on 11.14.2025.