Skip to main content
STG

A USC súmase ao grito “Fronte á violencia, nin un paso atrás”

O acto do Campus de Santiago desenvolveuse na Praza do Obradoiro. Foto: Santi Alvite
O acto do Campus de Santiago desenvolveuse na Praza do Obradoiro. Foto: Santi Alvite
A institución compostelá reivindica, xunto coa RUIGEU, o papel das unidades de igualdade universitarias e advirte do perigo dos discursos negacionistas, “carentes de todo rigor científico”
Lugo, Santiago de Compostela

A Universidade de Santiago conmemorou este martes 25 de novembro nos seus campus de Compostela e Lugo o Día Internacional para a Eliminación da violencia conta as Mulleres coa lectura do Manifesto 25N da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria (RUIGEU) e a garda dun minuto de silencio.

No comunicado manifestan unha “especial” preocupación pola “crecente visibilidade de sectores sociais que cuestionan os avances en prol da igualdade e a difusión de discursos negacionistas, carentes de todo rigor científico, promovidos por algúns sectores políticos que cuestionan a existencia mesma das violencias de xénero”. Por conseguinte, engaden, resulta “imperativo fortalecer a educación na igualdade de xénero, a non discriminación en todas as súas formas, os dereitos humanos e o pensamento crítico, e impulsar a transferencia dos contidos das investigacións académicas rigorosas realizadas con perspectiva de xénero nas nosas universidades”.

As universidades márcanse como reto, así mesmo, avanzar na integración da perspectiva interseccional, xunto ao enfoque de xénero, “para construír unha sociedade e, polo tanto, unha comunidade universitaria verdadeiramente igualitaria, inclusiva, diversa, segura e coidadosa con todas as persoas”. Por outra banda, mostran a súa preocupación pola expansión e normalización das violencias dixitais entre a mocidade universitaria.

Diante desta situación, e no ano en que se conmemora o 30 aniversario da Plataforma de Beijing, as unidades de igualdade da RUIGEU reivindícanse como “estruturas básicas” da LOSU cunha labor esencial para a sensibilización, prevención, formación e incorporación transversal da igualdade no desenvolvemento das políticas universitarias. “Precisamente por isto -denuncian- consideramos absolutamente inadmisible que, a día de hoxe, aínda existan unidades de igualdade que non reciban os fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero transferidos ás comunidades autónomas”. “Non se pode permitir que a resposta institucional ante unha vulneración tan grave dos dereitos humanos se vexa paralizada ou minguada polo negacionismo político”, sentencian.

Concorridos actos

O primeiro campus en conmemorar este sinalado día foi o de Lugo, no que membros do estudantado fixeron unha lectura simultánea do comunicado no Edificio Intercentros e na Facultade de Formación de Profesorado. A continuación, todas as persoas asistentes asistiron á representación da performance colectiva ‘Demasiado’ na que participaron activamente todos os sectores da comunidade universitaria e que resultou na colocación de 39 pares de zapatos, un por cada muller asasinada este último ano. “Demasiados maltratadores. Demasiadas vítimas ás que se lle parou as súas vidas. Poñerse nos zapatos delas. Das inxurias que día a día viven miles de mulleres”, rezaba a performance.

Xa no Campus de Santiago, o acto desenvolveuse na Praza do Obradoiro coa lectura do mesmo manifesto a cargo da delegada do reitor para a Igualdade, Sonia Esperanza Rodríguez Boente, tras a que a estudante de doutoramento da Facultade de Filosofía Cruz Fernández González deu conta das vítimas de violencia de xénero e de violencia vicaria deste último ano.

Programa arredor do 25N

Ademais dos actos centrais, son numerosos os centros docentes e de investigación que están a desenvolver accións que nalgúns casos se prolongarán ata finais deste mes. Todas as actividades compílanse nunha páxina web que coordina a Oficina de Igualdade de Xénero da USC.
 

En Lugo, a comunidade universitaria representou a performance ‘Demasiado’
En Lugo, a comunidade universitaria representou a performance ‘Demasiado’
Concorrido acto polo 25N na Intercentros de Lugo
Concorrido acto polo 25N na Intercentros de Lugo
The contents of this page were updated on 11.25.2025.