Skip to main content
STG

Un estudo da USC demostra a eficiencia das estratexias de ventilación forzada na mitigación do radon

A infraestrutura experimental de Saelices el Chico, única en Europa e usada para xornadas de intercomparación e calibración de medidores de radon, permitiu avaliar o comportamento deste gas en condicións de máxima concentración, sometendo o edificio a diferentes configuracións e estratexias de ventilación.
A infraestrutura experimental de Saelices el Chico, única en Europa e usada para xornadas de intercomparación e calibración de medidores de radon, permitiu avaliar o comportamento deste gas en condicións de máxima concentración, sometendo o edificio a diferentes configuracións e estratexias de ventilación.
O gas dunha edificación experimental situada sobre unha antiga mina de uranio logrou baixar de máis de 10.000 Bq/m³ en condiciones naturais a 2.000 Bq/m³, en tan só unha hora, tras aplicar a configuración mecánica
Santiago de Compostela

O radon é un gas radioactivo natural que se acumula en contornas con pouca ventilación, o que supón importantes riscos para a saúde debido á súa asociación co cancro de pulmón. O seu control en vivendas e espazos de traballo cobra na actualidade unha especial relevancia xa que a nova normativa establece límites estritos para a súa concentración. Agora, un estudo da USC acaba de analizar a dinámica desta substancia en interiores dun edificio situado enriba dunha antiga mina de uranio en Saelices el Chico (Salamanca), avaliando a eficacia da ventilación natural e mecánica á hora de definir estratexias para a súa mitigación. Tal e como constata o estudo publicado na revista Results in Engineering, as concentracións deste gas baixaron de máis de 10.000 bequerelios por metro cúbico (Bq/m³), en condiciones naturais, a 2.000 Bq/m³, en tan só unha hora, tras aplicar a configuración mecánica.  

A infraestrutura experimental de Saelices el Chico, única en Europa e usada para xornadas de intercomparación e calibración de medidores de radon, permitiu avaliar o comportamento deste gas en condicións de máxima concentración, sometendo o edificio a diferentes configuracións e estratexias de ventilación. Ademais das medicións reais, o equipo realizou simulacións de dinámica computacional de fluídos que reproduciron con precisión os datos experimentais, confirmando a validez dos modelos utilizados. Os achados obtidos indican que a ventilación mecánica mellora substancialmente a renovación do aire, alcanzando ata 2,21 cambios de aire por hora, mentres que a ventilación natural só proporciona entre 0,13 e 0,25, o que corresponde a tempos de renovación de entre 4 e 8 horas.

O estudo asínano Marcos Suárez Vázquez e Sylvana Varela Ballesta, pertencentes á empresa de base tecnolóxica, spin-off da USC,  Ventilatio Lab; Alberto Otero Cacho, do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), do que tamén forma parte a institución compostelá; así como a investigadora Vanesa Somoza e os catedráticos da Facultade de Física da USC Alberto Pérez Muñuzuri e Jorge Mira Pérez. Colaboran no traballo investigadores do Laboratorio de Radiactividade Medioambiental da Universidade de Cantabria (LaRUC), primeiro laboratorio español en obter a acreditación ISO/IEC 17025 para a medición de radon no aire con detectores de trazas, sendo na actualidade o único en España acreditado segundo a mesma norma para a calibración de sistemas de medición de radon.

Capaz de predicir patróns

“Estes achados demostran o papel fundamental da ventilación mecánica na redución da acumulación de radon e a mellora da calidade do aire interior, especialmente en edificios con aberturas limitadas, vías de fluxo de aire subóptimas ou condicións de pouco vento onde a ventilación natural vólvese ineficaz”, apuntan dende o equipo investigador. Este traballo proporciona información clave para o deseño e avaliación dos sistemas de mitigación de radon en edificios con ventilación limitada, xa que é capaz de predicir os patróns de acumulación de radon, paso previo ao deseño das estratexias para reducilo. “Con este sistema, pódese transformar un sistema de ventilación ineficiente nunha estratexia de mitigación eficaz, especialmente en espazos subterráneos ou semipechados”, explican. Pero non só iso, o estudo ofrece tamén “unha forma eficiente de optimizar a localización de entradas, saídas ou ventiladores de aire en estruturas existentes ou planificadas”. 

A escalabilidade deste método permite a súa aplicación a xeometrías más complexas ou instalacións de maior tamaño, “sen custos computacionais prohibitivos”, matizan. Alén da mitigación do radon, o mesmo marco pode estenderse a unha ampla gama de avaliacións da calidade do aire interior, incluíndo estudos de dispersión de contaminantes, control da humidade e confort térmico en espazos pechados.

The contents of this page were updated on 12.17.2025.