Skip to main content
STG

O inverno comeza na tarde deste domingo

Instantánea dunha xornada de chuvia no campus este outono. Foto: Santi Alvite
Instantánea dunha xornada de chuvia no campus este outono. Foto: Santi Alvite
Remata un outono en Compostela con menos chuvia que os precedentes

Ás 16.03 horas da tarde deste domingo 21 comeza o inverno boreal, que se prolongará ata o 20 de marzo ás 15.46 horas. O inicio da nova estación coincide co paso do Sol polo punto Capricornio da Eclíptica ou Solsticio de decembro, producíndose nese intre a mínima declinación solar (-23º4 con respecto ao Ecuador Celeste), o que ten como consecuencia que sexa o día máis curto do ano cunha duración de pouco máis de 9 horas na nosa latitude e que o Sol alcance na culminación a menor altura posible.

Porén, as tardes xa comezaron a medrar dende o pasado día 7, mentres que as mañás seguirán minguando ata comezos de ano. “Isto débese -explica o coordinador científico do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo- 
a que a hora oficial está baseada no chamado Sol medio, punto que vai reproducindo as posicións medias do Sol ao longo do ano dado que a nosa estrela se despraza aparentemente con velocidade variable”.

No hemisferio norte, esta estación é a de menor duración, 88,98 días, fronte aos 89,86 do outono, os 92,74 da primavera e os 93,65 do verán.

Fenómenos salientables

En torno ao 22 de decembro vai ter lugar a choiva de estrelas Úrsidas, e na noite do 3 ao 4 de xaneiro terá lugar o máximo das Cuadrántidas (con radiante preto da Osa Maior), unha das máis activas do ano. Tamén o día 3 ás 18.00 horas pasará a Terra polo perihelio, mínima distancia ao Sol (147 millóns de km.)

Xa o 17 de febreiro haberá unha eclipse anelar de Sol, visible como tal só na Antártida, e o 3 de marzo outra total de Lúa, tampouco visible na Península. “Haberá que agardar ata o 12 de agosto para poder ver dende aquí unha eclipse total de Sol e outra case total de Lúa, o 28 do mesmo mes”, advirte.

O planeta deste inverno vai ser Xúpiter, que estará visible durante toda a noite nos primeiros meses da estación e aproximadamente ata as 4.00 horas da madrugada, mentres que Saturno se poderá observar na noitiña ata finais de febreiro.

Outono menos chuvioso que os precedentes

Meteoroloxicamente, remata outro outono chuvioso nas terras de Compostela,  pero con menos chuvia que os precedentes. A cantidade total de precipitación recollida no Observatorio Astronómico Ramón María Aller nestes últimos tres meses foi de 730 litros/m2. O día máis chuvioso resultou ser o 13 de novembro con 77 litros/m2, seguido do día anterior con 56,5 l/m2.

Por meses, a precipitación do outono nos últimos días de setembro foi de 10,6  l/m2; en outubro, 126,3    l/m2; en novembro,  393,4 l/m2; e nestes primeiros 19 días de mes, de 210 l/m2

Ademais, nas últimas décadas houbo outonos moito máis chuviosos, coma os de 2024 (770 litros/m2), 2022 (924), 2019 (980), 2023 (1000 ) ou 2000 (1506). Pola contra, o do ano 2016 fora bastante seco (327 litros/m2).

En canto ás temperaturas, destacan os dez días de outubro con máximas por riba dos vinte e cinco graos, e deles o día 15 con 28º3 (máxima absoluta do outono). Seguiulle o día 1 con 28º2 e o 14 con 28º0. En xeral, apunta Docobo, “as mínimas foron suaves debido fundamentalmente á nebulosidade, cunha mínima absoluta de 1º3 o 22 de novembro.” 

The contents of this page were updated on 12.19.2025.