Skip to main content
STG

Domus do Mitreo e Castro de Viladonga recollen nunha mostra os 25 anos da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade

A mostra mantense ata o día 31 no Castro de Viladonga
A mostra mantense ata o día 31 no Castro de Viladonga
A exposición consta dunha ducia de paneis conformados por textos e imaxes nos que se ofrece unha visión ampla deste monumento emblemático para a capital lucense
Lugo

O Museo Universitario A Domus do Mitreo e o Museo do Castro de Viladonga organizan unha mostra con motivo dos 25 anos da declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade. A Muralla, tal e como destaca a profesora da USC, Dolores Dopico, “tivo unha especial relación coa Domus, xa que a súa construción supuxo destruír a casa, da que só quedou en pé o seu Mitreo”.  

A exposición consta de doce paneis conformados por textos e imaxes nos que se ofrece unha visión ampla da Muralla. O contido abarca o seu contexto histórico, a súa construción, as súas funcións, a súa evolución, o seu impacto urbano e as restauracións recentes. A mostra permanecerá en Viladonga ata o 31 de xaneiro, momento no que se instalará no Museo Universitario A Domus do Mitreo, tal e como explica a súa directora, Dolores Dopico, que participou na inauguración xunto coa directora de Viladonga, Elena Varela. Tamén interviñeron os dous comisarios, Diego Torres, arqueólogo do Museo de Viladonga; e Celso Rodríguez Cao, arqueólogo director da escavación da Domus; o alcalde de Castro de Rei, Francisco Javier Balado; e o director territorial da Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude, Manuel Antonio Fernández.

A profesora Dopico salienta que este foi un ano “moi especial para o Museo porque celebramos o 25 aniversario do descubrimento da Domus con diversas actividades e todo isto culminou coa entrada na Rede de Museos da Xunta de Galicia como museo arqueolóxico de sitio, o único da cidade de Lugo”.

Achado

No ano 1998, a Universidade de Santiago de Compostela decidiu situar a sede da Vicerreitoría do Campus de Lugo no antigo Pazo de Montenegro. O control arqueolóxico previo á construción da Vicerreitoría documentou a existencia de restos romanos que obrigaron a reformular as obras previstas e a realizar varias campañas arqueolóxicas entre os anos 2000 e 2007. A escavación, que se cinguiu a unha área duns 600 m², permitiu descubrir unha parte significativa dunha antiga domus romana e un espazo de culto relixioso, un Mitreo privado.  

O Museo da Domus é un lugar privilexiado para contemplar a muralla romana, pois é o único punto en toda a cidade que permite observala ata os seus cimentos, xa que a escavación afondou sete metros por baixo do nivel do Lugo actual. Isto permitiu estudar a súa estrutura e métodos construtivos. Neste escenario é posible ver o zócolo de cimentación, os restos dos materiais empregados na súa construción (lousa, granito ou cuarcitas), o encalado exterior, as xuntas estruturais, as escaleiras de acceso interno ás torres ou as marcas deixadas polas diferentes collas que traballaron nela.

The contents of this page were updated on 12.29.2025.