CARES evidencia que a xestión forestal conxunta crea emprego, prevén incendios e revitaliza o medio rural
O proxecto CARES, orientado a impulsar modelos innovadores de aproveitamento conxunto de resina, castaña e biomasa forestal, conclúe a súa execución con resultados que avalan o potencial destes recursos naturais para xerar emprego rural, mellorar a xestión activa e sostible dos montes e reducir o risco de incendios forestais no noroeste peninsular. Ao longo deste proxecto, de dous anos de duración, desenvolvéronse e transferíronse modelos produtivos que combinan aproveitamentos forestais complementarios, fomentando unha silvicultura máis activa e multifuncional, especialmente en territorios rurais e despoboados. En total, leváronse a cabo traballos de prevención de incendios en 38,6 hectáreas e xestionáronse 93,5 hectáreas para a extracción de resina e castaña.
Estas actuacións permitiron recoller máis de 20.000 quilos de resina e preto de 10.000 quilos de castaña, demostrando a viabilidade técnica e económica destes aproveitamentos cando forma parte dunha xestión forestal conxunta e planificada. O proxecto tivo tamén unha significativa dimensión social e formativa, con máis de 20 accións de formación e sensibilización, seis delas dirixidas especificamente a mulleres, que achegaron o coñecemento en aproveitamento resineiro, castañicultura e biomasa a máis de 150 persoas.
O consorcio que levou a cabo esta iniciativa está formado polo grupo de investigación PROePLA da Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación CETEMAS (coordinadora do proxecto), a Fundación Cesefor, PEFC España e a asociación de propietarios ‘Juntas de Montes de Asturias’ (JUMA). Durante o desenvolvemento do proxecto quíxose aplicar e transferir todo o coñecemento xerado nos últimos anos polos socios tecnolóxicos que participan no consorcio aos actuais modelos de xestión silvícola dos piñeirais atlánticos e en zonas especialmente despoboadas onde coexisten con outros aproveitamentos.
Innovación e valor engadido
Un dos avances máis relevantes do proxecto foi a mellora das metodoloxías de extracción mecanizada de resina, que lograron resultados de produción comparables —e mesmo superiores— aos métodos tradicionais. O proxecto CARES tivo un impacto especialmente significativo en comunidades como Asturias e Galicia, onde os aproveitamentos forestais desenvolvidos mostráronse plenamente compatibles con outros usos tradicionais do monte. Neste senso, o profesor da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, Manuel Marey, sinala que CARES foi máis aló do coñecemento técnico. “A verdadeira importancia estivo en que concellos, comunidades de montes e particulares visen unha oportunidade real de traballo e negocio no aproveitamento da resina e a castaña, e que xa se puxeron en marcha iniciativas empresariais vinculadas aos resultados do proxecto”, destacou.
Igualdade
Ademais, en boa parte das súas actuacións o proxecto CARES mostrou a súa aposta por un modelo de desenvolvemento rural inclusivo, onde a igualdade de xénero é unha ferramenta esencial para revitalizar os territorios. Reducir a masculinización do sector foi prioridade do proxecto, facendo fincapé nas posibilidades das mulleres para iniciarse nestas actividades a través de formacións específicas. Tamén nos eventos de transferencia e sensibilización destacouse as posibilidades que ofrecen os novos métodos mecanizados de extracción de resina para facilitar a entrada destas traballadoras, reducindo o esforzo físico e flexibilizando as tarefas para permitir grandes niveis de conciliación. “A combinación da resina e a castaña como recursos forestais complementarios permite crear emprego estable, diversificar rendas e fixar poboación nas zonas rurais máis despobladas do noroeste peninsular”, salientan dende o equipo investigador.
CARES foi sido posible grazas ao apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.