Skip to main content
STG

EqualSea aborda en Colombia como se distribúen os beneficios, custos e gobernanza dos océanos

O equipo investigador mantivo xuntanzas coas comunidades locais
O equipo investigador mantivo xuntanzas coas comunidades locais
O proxecto liderado polo profesor da USC Sebastián Villasante participou nunhas xornadas de traballo centradas no Índice de Equidade Oceánica
Lugo, Santiago de Compostela

O Índice de Equidade Oceánica é unha metodoloxía desenvolvida polo proxecto EqualSea que se está aplicando actualmente en diferentes rexións do mundo, co obxectivo de avaliar se se distribúen de forma xusta os beneficios, os custos e a participación na gobernanza dos océanos. No caso de Colombia, os resultados baséanse en máis de 200 entrevistas realizadas entre xuño e agosto de 2024 a actores locais e institucionais vinculados á xestión e o uso dos ecosistemas mariños. Ao longo deste mes de decembro, EqualSea, financiado polo European Research Council (ERC) e liderado polo profesor da USC e investigador do CRETUS, Sebastián Villasante, participou nunha serie de xornadas de traballo en Colombia centradas na discusión dos resultados preliminares do Índice de Equidade Oceánica (OEI) en catro parques nacionais naturais do país.

Deste xeito, o investigador colaborador de EqualSea, Andrés Ospina-Álvarez, xunto a Juan José Martín (IMEDEA, CSIC-UIB) e Jimena Bohórquez e Fernando Ríos (Universidade de Cartaxena), levaron a cabo diferentes actividades de difusión de resultados en Cartaxena de Indias. Nestas xornadas presentáronse os resultados preliminares correspondentes ao Parque Nacional Natural Corales del Rosario e de San Bernardo e ao Parque Nacional Natural Corales de Profundidad. O encontro tivo lugar no Claustro da Mercé, un espazo de alto valor simbólico e cultural, e reuniu pescadores artesanais, xestores de Parques Nacionais Naturais de Colombia, persoal científico e outros actores locais, “xerando un clima de diálogo aberto para contrastar os achados do OEI e contextualizalos en función das dinámicas sociais e ambientais propias de cada área protexida”, destacan dende o proxecto.

O equipo de EqualSea desprazouse tamén ao Parque Nacional Natural Old Providence McBean Lagoon, na Illa de Providencia, no Caribe insular colombiano. Alí compartíronse os resultados preliminares do índice con comunidades locais e representantes institucionais, abordando cuestións clave como a participación na toma de decisións, o recoñecemento de identidades e prácticas culturais, a distribución de beneficios derivados da conservación e os desafíos específicos da equidade oceánica nun contexto insular.

As actividades estendéronse ao Parque Nacional Natural Utría, nas localidades do Valle e as comunidades indíxenas de Río Boroboro, no Pacífico colombiano. “Neste territorio, onde a relación entre biodiversidade, benestar comunitario e gobernanza participativa é especialmente estreita, a presentación de resultados permitiu identificar coincidencias, matices e preocupacións específicas que enriquecerán a análise final do OEI para esta área protexida”, destacan.

En conxunto, estas xornadas representan unha fase chave do proceso metodolóxico de EqualSea, ao permitir validar, contextualizar e enriquecer os resultados cuantitativos do Índice de Equidade Oceánica a través do diálogo directo con comunidades e institucións. As achegas recolleitas incorporaranse nos informes técnicos finais, que servirán como apoio para a toma de decisións e o deseño de estratexias orientadas a fortalecer a equidade, a participación e a co-xestión nas áreas mariñas protexidas de Colombia.

The contents of this page were updated on 12.30.2025.