Skip to main content
STG

Últimos días para presentar candidaturas ao XXVI Premio Aresa

Para concorrer ao certame, é preciso presentar un traballo de investigación e desenvolvemento ou unha iniciativa empresarial innovadora nos ámbitos agrícola ou gandeiro. FOTO: Santi Alvite
Para concorrer ao certame, é preciso presentar un traballo de investigación e desenvolvemento ou unha iniciativa empresarial innovadora nos ámbitos agrícola ou gandeiro. FOTO: Santi Alvite
O galardón, dotado con 10.000 euros, ten como obxectivo recoñecer traxectorias, proxectos e achegas destacadas vinculadas ao desenvolvemento rural
Lugo

As persoas, entidades ou iniciativas interesadas en optar ao Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, convocado pola USC e o Grupo Aresa, deberán rexistrar a documentación requirida nos rexistros xerais da USC, tanto en formato presencial como a través do rexistro electrónico, nos campus de Lugo ou Santiago de Compostela, antes do venres 16 de xaneiro. As bases da convocatoria poden consultarse en liña, e nelas tamén se detalla a documentación necesaria para formalizar a candidatura. O Premio Aresa, que acada este ano a súa vixésimo sexta edición, está dotado con 10.000 euros e un diploma de mérito, e ten como obxectivo recoñecer traxectorias, proxectos e achegas destacadas vinculadas ao desenvolvemento rural.

O proceso de avaliación das candidaturas estará a cargo dun comité integrado polo reitor da USC, Antonio López Díaz; o vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, Francisco José Fraga López; a presidenta de Aresa, Carlota López Pardo; a CEO de Granja Campomayor, María García Busto; e o catedrático de Química Analítica, Carlos Herrero Latorre. O nome da candidatura gañadora darase a coñecer publicamente nunha data aínda por determinar.

O Premio Aresa foi creado para favorecer o benestar das persoas que viven no mundo rural, co obxectivo de premiar aqueles proxectos que contribúan de forma decisiva a crear emprego e riqueza nos ámbitos agrícola e/ou gandeiro como elementos fundamentais para mellorar a calidade de vida e o benestar das persoas que viven e traballan no medio rural galego. O certame diríxese a empresas, grupos de investigación, asociacións ou calquera outra entidade que contribúa ao desenvolvemento da economía rural galega.

Para concorrer ao certame, é preciso presentar un traballo de investigación e desenvolvemento ou unha iniciativa empresarial innovadora nos ámbitos agrícola ou gandeiro, que se poderá encadrar en calquera dos seguintes tipos: proxecto de actividade empresarial, isto é, iniciativas empresariais que aínda estean en fase de proxecto pero que teñan definidas as súas liñas de actuación e de implantación no mercado; actividade empresarial innovadora, é dicir, iniciativas empresariais en calquera das súas fases de desenvolvemento, así como empresas xa consolidadas; ou traballos de I+D+i que serán orixinais e que teñan aplicación práctica nos sectores agrícola, gandeiro ou agroalimentario galegos, ou supoñer unha contribución notoria ao desenvolvemento rural. As candidaturas poderán ser propostas polos interesados, por institucións públicas ou privadas, ou por empresas. Todas elas deberán constar da documentación axeitada para valorar a proposta.

Criterios de valoración 

Na análise das candidaturas, o xurado prestará especial atención aos proxectos que xeren postos de traballo e valor engadido. Por isto, valorarase principalmente a viabilidade económica; a creación de postos de traballo, especialmente no rural; a posta en valor dos produtos da terra; os proxectos que supoñan a recuperación de subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais que teñan potencial de desenvolvemento; e a innovación de produtos ou métodos produtivos.

Premiados anteriores 

Na traxectoria deste galardón, que xa acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002), o exdirector xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galica, Ovica (2016), a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo (2017), o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega (2018), a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta, Asoporcel, (2019), Cooperativa A Carqueixa (2020), EFA Fonteboa (2021), Casa Grande de Xanceda (2022), Moexmu (2023) e Traloagro (2024).

The contents of this page were updated on 01.13.2026.