O día 27 chega ás pantallas de Filoloxía unha nova edición de CineFilo
CineFilo, o cineclub da Facultade de Filoloxía, volve o 27 de xaneiro co seu ciclo de películas cunha ampla variedade de xéneros, linguas e formatos, ademais de múltiples persoas convidadas con diferente relación coas cintas.
Nesta sétima edición, que rematará o 5 de maio, proxectaranse os filmes Cristal, El castillo ambulante, Olga, Mariposas negras, Portrait de la jeune fille en feu, Mimosas, El 47 e The green knight. Ademais, o 10 de marzo haberá unha sesión sorpresa.
A actividade, de balde e aberta a todos os públicos, desenvolverase no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía. Para estudantes da USC, a asistencia regular á meirande parte das sesións outorgará un certificado co que se poderá solicitar o recoñecemento de 1 crédito ECTS de carácter transversal.
CineFilo conta co apoio das axudas de dinamización da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura.