Skip to main content
STG

Unha nova Rede de investigación traballará a prol dunha saúde pública galega sólida e conectada

De esquerda a dereita, Gumersindo Feijoo, Antonio Gómez Caamaño e Mónica Pérez Ríos. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Gumersindo Feijoo, Antonio Gómez Caamaño e Mónica Pérez Ríos. FOTO: Santi Alvite
O acto de presentación impulsado pola Cátedra de Vida Saudable da USC reuniu unha trintena de especialistas e máis dun cento de asistentes na Facultade de Medicina e Odontoloxía
Santiago de Compostela

A Rede de Investigación en Promoción da Saúde de Galicia deu este xoves 15 os seus primeiros pasos na Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC para crear unha saúde pública galega sólida e conectada. O acto de presentación impulsado pola Cátedra de Vida Saudable da USC reuniu unha trintena de especialistas e máis dun cento de asistentes.

Tal e como destacou a profesora da USC e directora da Cátedra, Mónica Pérez Ríos, na sesión de apertura, “esta Rede xorde co obxectivo de reunir especialistas de diferentes disciplinas que traballan en Promoción da Saúde en Galicia”. O acto estivo presidido polo vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijóo, e contou coa intervención do conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Antonio Gómez Caamaño. 

A Rede intégrana persoal das tres universidades públicas galegas e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur e do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña. Esta iniciativa está liderada pola Cátedra de Vida Saudable da USC e a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade da Xunta de Galicia.

“A xornada supón o principio dunha Rede de colaboración entre as tres Universidades galegas e os Institutos de Investigación que continuará con xornadas concretas de cada unha das liñas de investigación incluídas”, subliñou a profesora Pérez Ríos.

Liñas de investigación 

O evento contou coa presentación de diversas liñas de investigación que abarcan cuestións como o alcohol, drogas ilegais, adiccións sen substancia; bebidas enerxéticas e nutrición, alimentación, sobrepeso e obesidade; así como a actividade física, sedentarismo e envellecemento activo. A clausura da xornada correu a cargo de Sagrario Pérez Castellanos, subdirectora de Estilos de Vida Saudables e Educación para a Saúde;  Alberto Ruano Raviña, coordinador do grupo de investigación ESPASS da USC; e José Martín Carreira Villamor, decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC. 
 

Asistentes ao acto. FOTO: Santi Alvite
Asistentes ao acto. FOTO: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 01.15.2026.