Skip to main content
STG

Constatan o potencial do Camiño como dinamizador económico e social dos territorios rurais que atravesa

O estudo constata que o Camiño de Santiago reúne potencialidades e limitacións como motor de transformación rural. Foto: Santi Alvite
O estudo constata que o Camiño de Santiago reúne potencialidades e limitacións como motor de transformación rural. Foto: Santi Alvite
Para a profesora Lucrezia Lopez, o éxito dependerá de gobernanzas que garantan a participación comunitaria, a distribución equitativa dos beneficios e a xestión sostible dos recursos
Santiago de Compostela

O Camiño de Santiago reúne potencialidades e limitacións como motor de transformación rural e laboratorio de innovación social, e estas dependen dos enfoques de gobernanza. Esta é a principal conclusión do traballo de Lucrezia Lopez, profesora do Departamento de Xeografía e directora do Centro de Estudos e Investigacións Turísticas (CETUR) da USC, financiado pola Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e das Peregrinacións que conta co apoio da Xunta no marco da oitava convocatoria das axudas á investigación, froito dun convenio coa Axencia de Turismo de Galicia e a Catedral de Santiago.

O estudo El Camino de Santiago y el Renacimiento del Mundo Rural: Estudio y análisis de las nuevas dinámicas y transformaciones socio-territoriales constata que o éxito do Camiño se debe á rehabilitación do patrimonio, ao apoio institucional e á promoción do turismo cultural e sostible e analiza como co paso do tempo se ten convertido nun itinerario turístico e espiritual que dinamiza económica e socialmente os territorios rurais polos que discorre.

Para a autora, nos estudos xacobeos con enfoque territorial existe unha “carencia” na análise das novas dinámicas e transformacións socio-territoriais que xera o Camiño, o estudo dos novos perfís de peregrinos e na adaptación dos territorios rurais a esta nova realidade. Estas transformacións reflíctense en cambios demográficos, económicos e simbólicos nos espazos rurais. De aí que a profesora da USC parta para o seu estudo da hipótese de que o Camiño está actuando como axente dinamizador e responsable “dun certo Renacemento de determinadas áreas rurais galegas”.

E en efecto, os resultados da investigación mostran que o Camiño de Santiago pode actuar como motor de transformación rural. “Ofrece un modelo que outros territorios rurais poderían adaptar, pero non unha fórmula sinxela que garanta o éxito”, matiza. Por un lado, trouxo beneficios económicos a moitas comunidades rurais,  con creación de emprego, estimulación do investimento e oferta de alternativas aos sectores agrícolas en declive, pero por outro estes beneficios se distribúen de xeito desigual entre territorios e poboación. É por iso que o seu “potencial” como mecanismo de desenvolvemento rural “depende de enfoques de gobernanza que garantan a participación comunitaria, a distribución equitativa dos beneficios e a xestión sostible dos recursos”. “Comprender e abordar estas disparidades representa o verdadeiro desafío futuro para as persoas que planifiquen e dirixan as políticas territoriais”.

O proxecto empregou unha metodoloxía mixta que combina técnicas de investigación cuantitativa e cualitativa para captar tanto os procesos obxectivos como as percepcións e representacións socias asociadas ao impacto do Camiño de Santiago no mundo rural.

Lucrezia Lopez 

Profesora titular da USC e directora do CETUR, realizou a súa tese de doutoramento sobre a imaxe de Santiago de Compostela e do Camiño en Italia. Durante a súa etapa posdoutoral desenvolveu novas aproximacións ao estudo do fenómeno xacobeo, propoñendo unha lectura do Camiño de Santiago desde a perspectiva das xeohumanidades, incorporando enfoques literarios e culturais. Os resultados destas investigacións publicáronse en revistas como Emotion, Space and Society, Tourism Geographies e Sustainability, así como en capítulos de libros editados por prestixiosas editoriais nacionais e internacionais, entre elas Springer, CABI e Thomson Reuters Aranzadi.

Ademais do Camiño de Santiago e dos Itinerarios Culturais, outras principais liñas de investigación son xeografía do turismo e planificación turística, xeografía cultural e estudos mediterráneos, Xeografía do patrimonio e Xeografía social. Participou en proxectos de investigación de ámbito internacional, nacional e autonómico, tanto como investigadora contratada como colaboradora. Tamén foi investigadora principal en proxectos internacionais competitivos e contratos.

Conta ademais cunha ampla experiencia editorial como coordinadora de números monográficos en diversas revistas científicas (entre elas Il Capitale Culturale, International Journal of Religious Tourism and Pilgrimage...), e foi secretaria da revista científica da USC Sémata.

 

The contents of this page were updated on 01.16.2026.