Skip to main content
STG

O coidado e benestar de docentes e estudantes por parte das universidades, a debate en Ciencias da Educación

A inauguración tivo lugar este mércores baixo a presidencia do reitor Antonio López. Foto: Santi Alvite
A inauguración tivo lugar este mércores baixo a presidencia do reitor Antonio López. Foto: Santi Alvite
A USC acolle o XIV Congreso Iberoamericano de Docencia Universitaria, coa participación de máis de 400 especialistas
Santiago de Compostela

Son frecuentes as referencias a problemas de estrés, desmotivación, burnout e depresións entre o profesorado, e sono tamén os que aluden a ansiedade, desmotivación ou abandono de estudos no referido ao estudantado. “Algúns destas cuestións poden ter a súa orixe nas características das persoas que a sofren, pero ao ser un problema xeralizado precisamos preguntarnos se non serán as propias universidades a causa do malestar”, advirten dende a organización do XIV CIDU (Congreso Iberoamericano de Docencia Universitaria) que dende este mércores se desenvolve na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Sur).

Na cita participan máis de catrocentos especialistas, que reflexionarán sobre un tema de notable actualidade, como é o benestar persoal e colectivo de docentes e estudantado universitario. Baixo o lema ‘A Universidade como ecosistema saudable: o desafío do benestar de docentes e estudantes’, no encontro preguntaranse se as universidades están dando respostas axeitadas a esa situación, que se está facendo en realidade e que resultados se están conseguindo. “Debemos preguntarnos -afirma Zabalza- se as nosas institucións son ecosistemas saudables ou, pola contra, resultan insalubre e que se podería facer para que poñan en marcha mecanismos e dinámicas favorecedoras do coidado e o benestar de todos os seus membros.

O encontro abordará ademais ata o venres 23 todo un conxunto de temáticas actuais no mundo da docencia universitaria como a IA, a mentoría, o liderado académico, o currículo ou a escritura académica.

A inauguración tivo lugar este mércores baixo a presidencia do reitor Antonio López e coa participación da decana da Facultade anfitrioa, Mar Lorenzo; o presidente da Asociación Iberoamericana de Didáctica Universitaria (AIDU) e profesor emérito da USC, Miguel Zabalza; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o secretario da AIDU, Felipe Trillo, e a secretaria do congreso e profesora da Universidade de Murcia, Mónica Porto. A continuación, o profesor Zabalza pronunciou a conferencia de apertura titulada ‘Coreografías institucionais para o benestar de docentes e estudantes’.

O programa continúa cunha mesa redonda sobre o compromiso das Universidades coa saúde e o benestar de docentes e estudantes na que participan o reitor da Universidade de Murcia, José Luján, o seu homólogo da Universidade de Córdoba, Manuel Torralbo, e a presidenta do Consello Nacional para a Innovación Pedagóxica no Ensino Superior de Portugal, Patricia Rosado Pinto. O benestar desde a perspectiva do estudantado é outro tema a tratar por Javier Paricio, de Unizar, a doutora Mónica Porto e o estudante da USC Diego López.

Ademais de sesións de debate e presentación de comunicacións, as vindeiras xornadas contemplan as conferencias de Marisa Salanova, da Universidade Jaume I, co título ‘A universidade como Organización xeradora de Saúde Mental Positiva’ e de Roberto Leher, da Universidade Federal do Río de Janeiro (Brasil) titulada ‘Traballo docente: compromiso das institucións coa liberdade de cátedra, a saúde e o benestar da súa comunidade – unha mirada desde Brasil’. Haberá tamén unha mesa redonda sobre o benestar desde a perspectiva dos docentes.
 

No congreso participan máis de 400 especialistas. Foto: Santi Alvite
No congreso participan máis de 400 especialistas. Foto: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 01.21.2026.