A USC rende tributo á figura de José Antonio Redondo López
USC e Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) renderon tributo este xoves 22 á figura do académico José Antonio Redondo López, falecido o pasado mes de xuño. O acto tivo lugar na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, onde o homenaxeado foi vicedecano e profesor. A sesión presidiuna o reitor da USC, Antonio López Díaz, e nela participaron o decano do centro, Xoán Ramón Doldán; o presidente da RAGC e profesor da USC, Juan Lema; o presidente do Consello de Contas, Juan Carlos Aladro; o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García; a académica da RAGC, María Loureiro, catedrática de Fundamentos da Análise Económica da USC; e a profesora de Economía Financeira e Contabilidade da USC Loreto Fernández.
Dilatada traxectoria como docente e xestor público
Natural de Lugo, José Antonio Redondo estudou Ciencias Económicas, Comerciais e Políticas na USC (1969-1974), formando parte da terceira promoción. Na institución compostelá colaborou na creación da licenciatura de Ciencias Empresariais, foi director constituínte do departamento de Economía Financeira e Contabilidade, e director do Mestrado de Renovación Urbana e Rehabilitación. Especializouse en finanzas e introduciu os primeiros estudos sobre Teoría do Investimento Financeiro.
Tras unha estadía académica na Universidade de California, dedicou a súa investigación á aplicación da análise espectral ao comportamento dos valores bolsistas, unha aproximación pioneira que pode considerarse antecedente da actual intelixencia algorítmica aplicada aos mercados financeiros. En 1987 obtivo a Cátedra no departamento de Economía Financeira e Contabilidade da USC, iniciando unha intensa actividade investigadora centrada na análise dos fluxos financeiros. Ao longo da súa dilatada traxectoria, realizou numerosos estudos, monografías e guías de referencia no eido da ciencia económica.
En 1993 comezou unha nova etapa profesional vencellada á Administración Pública de Galicia, colaborando como asesor na sociedade pública Sogama e na Consellería de Obras Públicas e Urbanismo. Dous anos despois convértese en director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, cargo que desempeñou ata 2005 cunha xestión valorada de forma moi positiva, xa que promoveu a vivenda pública e deulle pulo á rehabilitación.
Xa de volta á vida universitaria, segue a participar en numerosos órganos e consellos, entre eles a Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, o Instituto Galego de Promoción Económica, Xestur, o Instituto Galego de Estatística, o Consello Galego da Xuventude, o Consello para a Promoción da Igualdade do Home e da Muller de Galicia, ademais de ser membro da Fundación Catedral de Santiago.
En 2015 foi nomeado conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia, cargo que ocupou ata 2023. Durante o seu mandato promoveuse unha reforma lexislativa de gran calado, impulsando medidas para mellorar a fiscalización das Administracións públicas galegas e a loita contra a corrupción. Reforzou o papel activo do Consello na xestión pública, máis alá da súa tradicional labor fiscalizadora.
A súa ampla traxectoria foi recoñecida co seu ingreso na Real Academia de Ciencias Económicas e Financeiras e na Real Academia Galega de Ciencias. “En 2023 retirouse, deixando un legado académico, institucional e humano de enorme valor. Quédanos a lembranza dun home íntegro, dun académico brillante, dun servidor público exemplar e, sobre todo, dunha excelente persoa”, destacou durante o acto a profesora da Universidade de Santiago, Loreto Fernández.