Skip to main content
STG

O reitor salienta na festividade de San Tomé “o compromiso claro da Universidade con Lugo e a súa provincia”

De esquerda a dereita, Ernesto González Seoane, Francisco Fraga, Antonio López, Pilar Bermejo e Pilar Murias
De esquerda a dereita, Ernesto González Seoane, Francisco Fraga, Antonio López, Pilar Bermejo e Pilar Murias
Remuda xeracional, aumento do estudantado, calidade de vida, incremento dos fondos destinados á investigación e rigor financeiro integraron o percorrido que Antonio López trazou polos seus case oito anos de mandato
Lugo

Sete anos despois das súas primeiras verbas á fronte da USC na festividade de San Tomé, Antonio López Díaz pronunciou este luns 26 o seu derradeiro discurso como reitor no acto institucional de maior relevancia para o Campus de Lugo. Na sesión que se desenvolveu na Facultade de Humanidades, Antonio López percorreu os principais logros do seu mandato: remuda xeracional e estabilización do persoal, aumento na captación de novo estudantado e redefinición da oferta docente, mellora das condicións de vida, así como o incremento dos fondos destinados á investigación nun escenario marcado polo rigor financeiro. A piques de rematar a súa etapa á fronte do Goberno da Universidade de Santiago de Compostela, o reitor quixo reiterar “o compromiso claro da Universidade con Lugo e a súa provincia”. 

Relevo xeracional

Antonio López lembrou que no relativo ao profesorado creáronse, dende 2019 ata a actualidade, 1.294 prazas, das cales, 291 pertencen ao campus lucense e representan o 22,5 % do total das creadas na USC, cando o estudantado da sede universitaria luguesa supón o 15 % do total. Neste senso, Antonio López destacou que “tivemos claro ao longo destes case oito anos de Goberno, que un dos retos fundamentais era asegurar o relevo xeracional diante dun proceso de xubilacións masivas”. 

Nesta mesma liña, continuou o reitor, cómpre poñer de relevo o proceso de estabilización do persoal de apoio á investigación, rematado en 2024 coa dotación de 120 prazas, que se une ao acordo acadado para o establecemento dunha carreira investigadora, sendo a USC das poucas universidades de España que contan con esta posibilidade, “fitos que se enmarcan na aposta pola estruturalización  da actividade investigadora, unha actividade que é distintiva do perfil da nosa Universidade e á que se destinaron en 2024, último exercicio pechado, 104 millóns de euros, acadados en convocatorias competitivas e tamén en contratos con empresas”, salientou. 

Ademais, no conxunto do Persoal Técnico de Xestión de Administración e Servizos (PTXAS), tamén se fixo “un esforzo  para atender ese proceso de relevo xeracional”, con 656 prazas, tanto de acceso libre como de promoción. 

Máis estudantes 

A pesar do desafío que supón o envellecemento poboacional, a USC mantivo nestes anos unha tendencia crecente no relativo ao estudantado. Tomando como referencia o estudantado de primeira matrícula de 2018 a 2025, experimentouse un incremento do 15%, pasando de 4.173 a 4.836 no conxunto da Universidade. Ademais, o Campus de Lugo eríxese “no actor fundamental dese aumento”, destacou Antonio López, xa que aquí o aumento pasou en primeira matrícula de 621 estudantes en 2018 a 936 no presente ano académico. “Todo isto foi posible grazas a redefinición da oferta docente tarefa na que debemos seguir empeñados permanentemente, non só polo efecto que ten de atracción de estudantado, senón tamén por manter a función docente, aliñada coas novas demandas da sociedade, cada vez mais cambiantes”, subliñou o reitor.

Calidade de vida

Para Antonio López, “a  aposta polo estudantado no pode medirse só como unha cuestión cuantitativa, aínda que esta sexa importante por canto determina substancialmente o financiamento estrutural da Universidade. A aposta ten que ser tamén pola calidade e as súas condicións de vida”. Neste eido, o reitor recordou que a USC destinou 700.000 euros para dotar de bonos comedor de ata 80 menús nos comedores universitarios a arredor de 1.300 estudantes, ao tempo que se creou e, posteriormente, reforzou o servicio de atención psicolóxica ao estudantado “que se está demostrando cada vez mais necesario”. 

Músculo investigador e rigor financeiro

O incremento dos fondos destinados á actividade investigadora da Universidade foi outro dos apartados nos que se detivo o reitor Antonio López. O devandito incremento tivo que desenvolverse nunha contorna marcada polo rigor financeiro pero, con todo, logrou pasar de 57 millóns de euros en 2018 a 104 en 2024. O rigor materializouse tamén no cumprimento dos compromisos asumidos de amortización da débeda. “Se a 31 de decembro de 2017 a débeda pendente era de 26,8 millóns, no último día de 2024 ascendía a 9,2 millóns, que, logo do refinaciamento acordado coa Xunta e coas entidades financeiras para completar o investimento necesario en Farmacia, quedará reducida a 0 en 2031”, explicou Antonio López.  

Ademais, no caso concreto de Lugo, recoñeceuse o Campus Terra como campus de especialización no marco  da convocatoria aberta pola Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades; e creouse o Instituto de Investigación en Saúde Global e Desenvolvemento Sostible (iTERRA), asentado sobre a base de que a saúde das persoas, a saúde dos animais e a saúde do planeta están profundamente interconectadas. A todo isto hai que engadir o nacemento da primeira cátedra UNESCO en Lugo vinculada ao Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER), ou o importante labor que desenvolven plataformas como PEMADE no ámbito da madeira estrutural ou a Aula de Produtos Lácteos no sector alimentario, alén de estruturas como o Hospital Veterinario Rof Codina para o desenvolvemento de actividades universitarias de diversa natureza “que contribúen a facer de Lugo unha cidade universitaria”. Para levar a cabo todo isto, o reitor quixo poñer de relevo a importancia do apoio institucional. 

Lección maxistral

Acompañaron ao reitor na mesa presidencial, Francisco Fraga, vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo; Pilar Murias, vicerreitora de Estudantes e Cultura; Ernesto González Seoane, vicerreitor de Profesorado; e Pilar Bermejo, vicerreitora de Política Científica. A lección maxistral correu a cargo do catedrático de Filoloxía Inglesa, Jesús Varela Zapata. De feito, o reitor lembrou que, aínda que por rigorosa quenda, lle correspondería albergar este acto á Facultade de Formación do Profesorado, o feito de que esta fose protagonista do acto tamén solemne de inicio deste curso 2025-2026, coa lección pronunciada polo profesor Ramón Veiga Alonso, motivou a decisión de correr a quenda en favor da Facultade de Humanidades, dándose a circunstancia de que o profesor Varela Zapata reúne a condición de docente nas dúas Facultades. A lección centrouse no papel que ten a lingua inglesa no mundo actual, no seu status como lingua global e nalgúns aspectos que teñen que ver co legado cultural europeo e o seu papel no contexto da globalización.

 

The contents of this page were updated on 01.26.2026.