Skip to main content
STG

O CiQUS obtén un novo proxecto Proof of Concept do ERC centrado no almacenamento enerxético sostible

O grupo de investigación liderado por María Giménez López traballa no deseño de novos materiais avanzados e electrólitos para aplicacións enerxéticas.
O grupo de investigación liderado por María Giménez López traballa no deseño de novos materiais avanzados e electrólitos para aplicacións enerxéticas.
María Giménez López lidera esta investigación que busca desenvolver unha batería recargable híbrida de zinc, bromo e dióxido de manganeso como solución segura, escalable e de baixo custo
Santiago de Compostela

O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) acaba de obter un novo proxecto Proof of Concept (PoC) do Consello Europeo de Investigación (ERC), o quinto na súa traxectoria. Nesta ocasión, a investigadora Oportunius do CiQUS María Giménez López, a primeira investigadora en Galicia que logra un segundo proxecto ERC Proof of Concept, coordinará o proxecto ZEST (Advanced Zn||Br₂-MnO₂ Batteries Enabled by Nanostructured Cathodes and Supramolecular Electrolytes), que busca desenvolver unha batería recargable híbrida de zinc, bromo e dióxido de manganeso (Zn||Br₂–MnO₂) como solución segura, escalable e de baixo custo para o almacenamento estacionario de enerxía.

O grupo de investigación liderado por María Giménez López traballa no deseño de novos materiais avanzados e electrólitos para aplicacións enerxéticas. Neste contexto, o proxecto ZEST, que conta coa participación do Fraunhofer Institute for Solar Energy Systems (Fraunhofer ISE) de Alemaña como socio industrial, aborda algunhas das principais limitacións das actuais baterías baseadas en zinc mediante o desenvolvemento de novos materiais de eléctrodo e electrólitos con tecnoloxías previamente patentadas no grupo. O obxectivo do proxecto é avanzar cara a sistemas de almacenamento enerxético máis estables, eficientes e escalables, e validar o seu funcionamento a nivel de prototipo, sentando as bases para futuras aplicacións industriais.

Os proxectos Proof of Concept do ERC están deseñados para converter resultados de investigación básica doutros proxectos do ERC obtidos polos investigadores principais en innovacións con potencial comercial, pechando a brecha entre a ciencia e o mercado. Neste caso, ZEST non só busca demostrar a viabilidade técnica da súa proposta, senón tamén definir unha folla de ruta clara para a súa explotación industrial, incluíndo análise de mercado, estratexia de propiedade intelectual e colaboración con actores crave do sector. Este enfoque, que recibe o respaldo de socios industriais como Fraunhofer ISE, reforza o compromiso do grupo do CiQUS coa transferencia de tecnoloxía e o seu papel na transición cara a un modelo enerxético sostible.

O centro conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e recibe apoio financeiro da Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027. Con este novo fito, o CiQUS reafirma o seu liderado na captación de financiamento europeo para proxectos de alto impacto, consolidando a súa traxectoria no desenvolvemento de solucións innovadoras que responden os desafíos globais en enerxía e sustentabilidade.
 

The contents of this page were updated on 01.27.2026.