Skip to main content
STG

Identifican as principais formas da pena de morte no noroeste ibérico entre os séculos VIII e XIII

Portada do libro 'La horca y el fuego. Una historia social de la pena de muerte en Hispania (700-1200)'
Portada do libro 'La horca y el fuego. Una historia social de la pena de muerte en Hispania (700-1200)'
A investigación, editada nun libro, documenta os perfís sociais de quen padece e executa este tipo de condenas e como se orixinan

O investigador da Facultade de Historia e do Instituto de Investigación de Humanidades da USC Abel de Lorenzo Rodríguez desenvolveu durante o seu período doutoral unha investigación na que explica que “a forca, o lume, a precipitación, a decapitación ou a crucifixión son algúns dos procedementos que buscaban poñer fin á vida e eran sancionados polas formas de poder nos séculos VIII a XII”.

A súa investigación vén de ser publicada por Comares no libro La horca y el fuego. Una historia social de la pena de muerte en Hispania (700-1200), no que a partir dunha minuciosa análise documental sobre as vítimas e os verdugos, con nomes e vidas que se puideron rastrexar historicamente, identifica as principais formas de pena de morte no noroeste ibérico no período de transición que vai do fin da Antigüidade ata a Plena Idade Media, moitas delas do reino de Galicia.

O estudo versa sobre como a xustiza actuaba de diferentes formas nos corpos dos condenados, especialmente en como se creou o fundamento das execucións nos reinos cristiáns peninsulares. Deste xeito, retrata os perfís sociais da xente que padece este tipo de condenas e como se orixinan: “tanto a inspiración que as move a ser executadas como as negociacións e conflitos sociais que aparece na xustiza penal analizada aquí dende abaixo”.

Na investigación analiza así mesmo o cambio ao longo do tempo duns castigos por outros, dunhas formas de matar por outras e a importancia que a memoria e a sociedade gardaban deste tipo de formas de execución. “Tamén investigo sobre a identidade que reside, especialmente relixiosa, mais tamén de clase, criminal ou de xénero, á hora de aplicar unha execución ou outra”, explica. 
 

The contents of this page were updated on 01.29.2026.