Skip to main content
STG

Cando a luz é máis que arte: iluminar para conservar o patrimonio de Santiago

Fachada da Casa do Cabildo, piloto real do traballo, iluminado coa luz CromaLux
Fachada da Casa do Cabildo, piloto real do traballo, iluminado coa luz CromaLux
Unha investigación da USC confirma a eficacia dun novo sistema de iluminación ornamental, en cores ámbar e verde, para a conservación do patrimonio arquitectónico en pedra
Santiago de Compostela

Santiago de Compostela, declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1985, posúe un conxunto arquitectónico maioritariamente construído en granito, unha rocha resistente pero vulnerable ao deterioro superficial, especialmente baixo as condicións de elevada humidade do clima atlántico galego. Neste contexto, é habitual a colonización biolóxica da pedra por organismos fototróficos, como algas verdes e cianobacterias, que forman biofilmes e actúan como axentes de biodeterioro. Ao ser organismos que dependen da luz para o seu crecemento, a iluminación ornamental nocturna, empregada para realzar os monumentos e potenciar o atractivo turístico, pode influír no desenvolvemento destes organismos ao tempo que contribúe á contaminación luminosa con efectos negativos sobre os ecosistemas, a biodiversidade e a conservación do patrimonio.

Neste marco centrou o seu doutoramento o investigador Anxo Méndez Villar, no que validou, desde unha perspectiva holística, un novo sistema de iluminación ornamental orientado á conservación do patrimonio arquitectónico construído en pedra. A tese dirixida pola investigadora Ramón y Cajal de CRETUS, Patricia Sanmartín, levouse a cabo no marco do proxecto CromaLux (Televés, USC e Ferrovial), terceira liña estratéxica da iniciativa SMARTiAGO impulsada polo Concello de Santiago para desenvolver solucións tecnolóxicas innovadoras que aborden desafíos específicos aos que se enfrontan as Cidades Patrimonio.

O obxectivo principal da tese foi avaliar a capacidade biostática, é dicir, frear o desenvolvemento dos biofilmes fototróficos mediante o uso dunha iluminación LED de estreito ancho de banda en cores ámbar e verde, cuxa combinación xera unha calidade lumínica semellante a un branco cálido. A hipótese de partida foi que esta configuración lumínica podería inducir estrés fisiolóxico nos microorganismos e reducir a súa actividade fotosintética.

A tese estruturouse en dez capítulos correspondentes aos artigos científicos publicados e foron organizados en catro bloques: análise do marco lexislativo da iluminación ornamental; validación experimental da capacidade biostática da luz ámbar + verde e dos seus mecanismos de acción; estudo dos efectos sobre a diversidade microbiana e de insectos; e avaliación do impacto ambiental, económico e social do sistema. Os traballos combinaron experimentación en laboratorio con pilotos reais instalados no Pazo de Raxoi e na Casa do Cabildo, comparando a nova iluminación con sistemas convencionais empregados na cidade.

Eficacia contrastada durante anos

Os resultados da investigación confirman a eficacia do sistema de iluminación ornamental ámbar + verde como ferramenta para a conservación do patrimonio arquitectónico en pedra. A súa capacidade biostática foi validada tanto en condicións de laboratorio como nunha monitorización a longo prazo de case tres anos e medio no Pazo de Raxoi, e explicada a nivel mecanístico mediante estudos de proteómica ambiental que evidenciaron a súa baixa eficiencia fotosintética, desenvolvidos en colaboración coas investigadoras do CRETUS Sabela Balboa e Alba Trueba.

O traballo demostrou ademais un impacto significativamente menor sobre a biodiversidade de insectos, equiparable á ausencia de iluminación ornamental, así como unha mellora ambiental e económica relevante, cunha redución do 20 % na pegada de carbono fronte a sistemas LED convencionais, resultado de análises realizadas con persoal investigador de CRETUS especializado en avaliación ambiental, nomeadamente Almudena Hospido.

Unha perspectiva holística

Xunto a estes resultados técnicos, incorporouse unha dimensión social mediante estudos cualitativos e cuantitativos sobre a percepción cidadá realizados con José Manuel Sabucedo, Sergio Vila, Cristina Gómez e Andrea Correa, persoal experto en psicoloxía ambiental do CRETUS, que permitiron identificar estratexias comunicativas clave para favorecer a aceptación do sistema, baseadas na información, na urxencia da conservación e no apego ao casco histórico.

En conxunto, a investigación exemplifica o modelo colaborativo de CRETUS, centro da Rede CIGUS cofinanciado con fondos da Unión Europea, integrando coñecemento biolóxico, ambiental, tecnolóxico e social para xerar solucións aplicables que contribúan á protección do patrimonio e á mellora das políticas públicas de iluminación ornamental.

O traballo desenvolvido por Anxo Méndez, biólogo pola Universidade de Vigo e enxeñeiro ambiental pola Universidade de Santiago de Compostela, realizouse en modalidade de Doutoramento Industrial da Axencia Gain entre a USC e Ferrovial Enerxía S.A, no que o  enxeñeiro Álvaro Piñeiro participou como co director. A tese recibiu a cualificación de Cum Laude, así como as mencións Internacional e Industrial, e consolídase como unha referencia na integración da iluminación ornamental, a sustentabilidade ambiental e a conservación do patrimonio cultural.
 

Anxo Méndez, no centro, na xornada de defensa da tese de doutoramentoFachada da Casa do Cabildo, piloto real do traballo, iluminado coa luz CromaLux
Anxo Méndez, no centro, na xornada de defensa da tese de doutoramentoFachada da Casa do Cabildo, piloto real do traballo, iluminado coa luz CromaLux
The contents of this page were updated on 02.05.2026.