Skip to main content
STG

A USC presenta a súa oferta académica de mestrados ao potencial estudantado latinoamericano

A USC conta na actualidade cun total de 74 titulacións de mestrado oficiais. Foto: Santi Alvite
A USC conta na actualidade cun total de 74 titulacións de mestrado oficiais. Foto: Santi Alvite
A iniciativa, que conta coa participación das persoas coordinadoras de programas de mestrado, consolida os eventos dixitais de captación de estudantado internacional

A Vicerreitoría de Titulacións e Internacionalización, a través da súa Oficina de Proxección Internacional, organiza os días 10 e 11 de febreiro dous webinarios para presentar a oferta académica de mestrados oficiais da USC a Latinoamérica. Esta iniciativa forma parte da estratexia de captación de estudantado internacional para o curso académico 2026-2027 que combina eventos en liña e presenciais.

“Esta é a quinta edición dos webinarios que organizamos para promocionar os programas de mestrado oficiais para estudantado potencial procedente de América Latina. Nos anteriores cursos académicos estes eventos tiveron moi boa acollida, suscitando moito interese entre o estudantado estranxeiro”, salienta a adxunta para Internacionalización, Belén Méndez Naya. “A estratexia de captación que estamos a seguir dende a Vicerreitoría está baseada na combinación de iniciativas presenciais e virtuais. A experiencia piloto dun evento dixital de captación celebrouse no ano 2021 co webinario de presentación de programas de doutoramento, propiciada polo contexto da pandemia da COVID19, e o seu éxito aconsellou replicar o modelo despois da pandemia”, engade.

Presentación por áreas de coñecemento

O obxectivo primordial deste evento é facilitar información sobre os diferentes mestrados oficiais ofertados nas diferentes áreas de coñecemento. A primeira sesión, que se celebrará o día 10 de febreiro, estará centrada nas áreas de Ciencias, Ciencias da Saúde, e Enxeñaría e Arquitectura. Na segunda sesión, programada para o 11 de febreiro, presentarase a oferta académica de Artes e Humanidades e de Ciencias Sociais e Xurídicas.

Na iniciativa participan, ademais do persoal técnico da Vicerreitoría, as persoas coordinadoras dos mestrados, que abordarán cuestións relativas ao proceso de acceso e admisión aos mestrados, á duración dos estudos, así como aos trámites para a obtención de visados etc.

A USC conta na actualidade cun total de 74 titulacións de mestrado oficiais pertencentes ás cinco grandes áreas de coñecemento nos que este curso están matriculadas un total de 1242 persoas, das que 340 son estudantes internacionais.

Participación en eventos presenciais

No que atinxe ás últimas participacións en eventos presenciais con obxecto de difundir a oferta académica, unha delegación da USC asistiu á feira de networking da Asociación Europea para a Educación Internacional (EAIE), celebrada en Gotemburgo (Suecia) no mes de setembro de 2025.

No mes de novembro de 2025, persoal da Oficina de Proxección Internacional participou nas xornadas de captación EuroPosgrados México, celebradas en Ciudad de México e Mérida. Na mesma viaxe asistiuse así mesmo a un evento de networking organizado polo SEPIE (Servicio Español para la Internacionalización de la Educación) na Universidade Autónoma de Yucatán.

The contents of this page were updated on 02.09.2026.