A USC, coas mulleres e as nenas na ciencia
Para conmemorar o 11 de febreiro, Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia, a Universidade de Santiago contempla un extenso e variado programa de actividades de sensibilización, promovido por distintos centros e servizos e dirixidos non só ao público máis novo, fundamentalmente de últimos cursos da ESO e BACH, senón tamén á comunidade en xeral.
Trátase de visibilizar o traballo das mulleres que se dedican ás áreas STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics, na súa forma orixinal en inglés) para ir creando referentes femininos para a infancia e a mocidade que poidan contribuír á elección destas áreas como carreiras profesionais e alcanzar deste xeito a igualdade de xénero no ámbito científico.
Precisamente para visibilizar eses referentes femininos, a Oficina de Igualdade de Xénero, coa colaboración do Concello de Santiago, organiza entre febreiro e marzo a actividade ‘Unha enxeñeira ou científica en cada cole’, dirixida a alumnado de 4.º Primaria e que xa vai pola súa décimo primeira edición. Do mesmo xeito, o IGFAE desenvolve este mércores 11 unha nova edición da súa Masterclass Internacional para achegar a física de partículas ás alumnas preuniversitarias de Galicia, fomentando o seu interese por unha disciplina moi masculinizada, na que persiste unha notable fenda de xénero. As estudantes poderán desfrutar dunha xornada de convivencia e traballo con datos reais do CERN, colaborando con investigadoras do IGFAE e do propio CERN.
Tamén o CiQUS se une a esta conmemoración coa actividade ‘CientífiQas: Ciencia feita por mulleres no CiQUS’, un encontro no que alumnado de bacharelato coñecerá a investigación que realizan as mulleres no centro, adentrándose nos laboratorios onde serán recibidos por investigadoras que se atopan en distintas etapas da súa carreira profesional e que compartirán a súas experiencias cos máis novos.
Outro centro singular de investigación, o CRETUS, celebra o 11F co alumnado do IES de Sar nunha acción na que o guiarán por un percorrido interdisciplinar que busca poñer en valor o papel das mulleres na ciencia ambiental e inspirar vocacións desde múltiples áreas do coñecemento. Así, poderá coñecer proxectos punteiros financiados polo Consello Europeo de Investigación, como o PollutedPast e o EqualSea, e dialogar coas investigadoras, que compartirán as súas experiencias, proxectos e traxectorias profesionais. O alumnado tamén participará en actividades prácticas, como o deseño de tecnosolos, videoxogos educativos sobre lixo mariño ou aplicacións biotecnolóxica.
Tamén se suma a este día o Museo de Historia Natural, que organiza unha xornada especial protagonizada por Jane Goodall, unha das científicas máis salientables da historia no estudo dos primates. Durante esta visita guiada, Jane acompañará ao público polas distintas salas do museo para falar dos seus queridos chimpancés e doutros primates: como viven, como se organizan en sociedade, como coidan das súas crías e que aprendizaxes nos ofrecen sobre a evolución humana. Esta actividade pon en valor o papel das mulleres na ciencia e convida a reflexionar sobre a conservación da biodiversidade e a responsabilidade que temos na protección das especies ameazadas.
Xa o día 12, o estudantado da ETSE poderá participar no obradoiro ‘Micromachismos na Ciencia’, ideado para identificar e analizar situacións cotiás de micromachismo no ámbito académico e científico. O obxectivo é visibilizar comportamentos e estereotipos de xénero que adoitan pasar desapercibidos, pero que inflúen no clima da escola e no futuro profesional do estudantado.
Ademais, continuando coas accións de visibilización do seu traballo en centros de ensino secundario da cidade, ese xoves a EPSE organiza o programa ‘Protagonistas as enxeñeiras’, que como en cursos anteriores contará con numerosos obradoiros impartidos por profesoras e acompañadas de alumnas de Enxeñaría do centro.
Tamén o CiMUS ten prevista para o día 12 a xornada ‘Living Science. Investigadoras contra o cancro’ na que, en colaboración coa Asociación Española contra o Cancro de A Coruña, o alumnado do CEIP Lamas de Abade participará nun ciclo de obradoiros divulgativos sobre prevención do cancro de pel e a importancia da protección solar, alimentación e hábitos de vida saudable, contido de azucre en refrescos, extracción de ADN, coñecemento sobre a célula, moléculas ou compoñentes do sangue, saúde cardiovascular ou o estudo da temperatura corporal. O programa completarase, ademais, con xogos de memoria e coñecemento de famosas mulleres que marcaron o coñecemento científico ao longo da historia a través dos seus inventos e descubrimentos.
Para todo o público
Entre as accións dirixidas ao público en xeral, a Comisión de igualdade da Facultade de Bioloxía organiza a conferencia ‘Mulleres que investigan o oculto: descubrindo os Solenogastres (Molusca) como modelo para integrar taxonomía, ecoloxía e evolución’, que impartirá ás 19.00 horas no Salón de Graos do centro a investigadora María do Carmen Cobo, egresada da Facultade de Bioloxía e actualmente investigadora asociada no departamento de zooloxía do Museo Nacional de Historia Natural de París. A investigadora presentará a súa investigación sobre Solenogastres e informará tamén sobre vías de investigación interesantes para os estudantes de facultades de ciencias empíricas.
Esa mesma facultade acolle ata o 28 de febreiro a exposición ‘Ciencia x Mulleres’, unha compilación de posters científicos presentados a congresos con presenza relevante de mulleres.
Así mesmo, o CETUR en colaboración con Tourgen organiza o seminario 'As mulleres viaxeiras na configuración histórica do turismo: achegas e influencia' que traballará o turismo desde unha perspectiva de xénero e a través da interseccionalidade. Tamén o iMATUS abrirá este mércores as súas portas en xornada de tarde para que quen o desexe se achegue a coñecer o mundo dos materiais e o centro universitario.
Premio Antonia Ferrín, pioneira
Como colofón a todo este programa, e coa USC como protagonista do progreso neste ámbito, este 11 de febreiro a comisión de Astronomía da Asociación de Científicos Españois nos Países Bálticos anunciará, na Conferencia Internacional Mujeres en la Ciencia (WinS), a convocatoria da primeira edición do Premio Antonia Ferrin Moreiras á mellor tese de doutoramento en Astronomía e Astrofísica nos Países Bálticos. O galardón leva o nome da primeira muller docente da Facultade de Matemáticas da USC e en investigar no Observatorio ‘Ramón María Aller’, ademais de primeira doutora en astronomía de España.