A Fundación Empresa-Universidade Galega incorpora Accenture ao seu padroado
A Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) vén de incorporar Accenture ao seu padroado, co obxectivo de impulsar a cualificación profesional, mellorar a empregabilidade da xuventude e contribuír á creación de emprego de alto valor en Galicia, reforzando ao tempo a conexión entre empresa, universidade e investigación. Para o reitor da USC e presidente de FEUGA, Antonio López, “con esta nova incorporación queremos seguir sendo referente na xestión das relacións empresa universidade; na promoción e execución de proxectos de I+D+i colaborativos e na implantación, mellora, xestión ou certificación da innovación empresarial”.
López asinou esta mañá co managing director de Tecnoloxía en Accenture, Jordi Roca, un convenio onde recollen o interese mutou por establecer unha cooperación educativa, achegando o ámbito educativo ao laboral e facilitando a inserción no mundo profesional daqueles xóvenes universitarios ou de formación profesional a través dun período de prácticas.
Tal e como manifestou Roca, “Galicia é para nós un polo tecnolóxico e de IA onde traballamos con grandes compañías de sectores clave, acompañándoas como socio estratéxico nos seus procesos de reinvención. Esta colaboración con FEUGA permítenos contribuír de forma directa á preparación dos profesionais do mañá, impulsando a empregabilidade do talento novo galego nun momento no que a IA está transformando profundamente os modelos de traballo e a forma de crear valor”.
Igualmente, o acordo promove a relación entre Accenture e o ámbito investigador de xeito que FEUGA achegará a súa experiencia na definición de proxectos de I+D+i, tanto en convocatorias autonómicas, nacionais como europeas e na busca de colaboradores e creación de agrupacións, e contribuirá á súa participación en encontros tecnolóxicos, xornadas e seminarios con universidades, entre outras accións.
Coa súa incorporación ao padroado, Accenture pasa a pertencer ao grupo de 47 institucións públicas e privadas, entidades e empresas, que valoran e recoñecen a I+D+i como factor irrenunciable para mellorar a súa produtividade, competitividade, crecemento e beneficio económico.