A USC, marco do encontro entre ciencia e oportunidade industrial
A Universidade de Santiago foi este mércores o marco do IV Encontro Nacional ‘Investir en Ciencia SI é Rendible’, un espazo concibido para fortalecer a conexión entre investigación, transferencia e financiamento no ecosistema DeepTech. A cita reúne estes días na capital persoal investigador, emprendedor e inversor co obxecto de identificar oportunidades industriais e empresariais baseadas no coñecemento xerado nos centros de investigación galegos.
A xornada comezou cunha visita aos centros singulares da USC CiTIUS e CiMUS, para rematar cun encontro de spin-offs que inaugurou no Salón Nobre de Fonseca o reitor Antonio López acompañado da directora de UNIRISCO, Inmaculada Rodríguez, e de XESGALICIA, Raquel Rodríguez, as entidades organizadoras.
CiTIUS, aplicacións estratéxicas
As visitas matinais deron comezo no CiTIUS, onde foron recibidos polo seu director científico, Senén Barro, quen salientou a necesidade de reforzar a transferencia como elemento estratéxico para o desenvolvemento tecnolóxico. Nese percorrido, as persoas asistentes tiveron a oportunidade de coñecer o traballo do investigador Francisco Fernández Rivera, que presentou avances en percepción eficiente do mundo en 3D e en sistemas baseados en tecnoloxía LiDAR, subliñando a súa aplicación en contornas industriais con alta esixencia computacional. Pola súa parte, Roberto Iglesias abordou desenvolvementos en robótica para a manipulación de obxectos brandos e deformables, un ámbito con impacto potencial en sectores como a alimentación, a loxística avanzada ou a automatización flexible.
Seguidamente, Manuel Mucientes presentou novos enfoques para a identificación e seguimento multiobxecto aprendendo a partir de cantidades moi reducidas de datos, unha liña especialmente relevante en escenarios con escaseza de información etiquetada. O investigador Víctor Brea presentou, finalmente, o caso de transferencia tecnolóxica materializado na creación de energHius, unha spin-off centrada en solucións de micro recolección de enerxía para sensores intelixentes, exemplo do impacto aplicado da investigación desenvolvida no centro.
CiMUS, a investigación biomédica
Na visita ao CiMUS presentártonse as súas principais apostas estratéxicas no ámbito da innovación biomédica: o programa CiMUS INNOVA, orientado a impulsar a transferencia de proxectos terapéuticos en fases temperás, e a investigación en protonterapia, unha liña de investigación de vangarda con gran proxección clínica e industrial.
Na súa primeira convocatoria, CiMUS INNOVA involucrou 17 grupos de investigación do Centro, cun total de 23 proxectos centrados no descubrimento e desenvolvemento de novas aproximacións terapéuticas, incluíndo validación de dianas terapéuticas, sistemas de administración de fármacos, reposicionamento de fármacos e biomarcadores.
A xornada abordou tamén unha das liñas de investigación con maior proxección estratéxica do CiMUS: a protonterapia, liderada desde hai dous anos pola investigadora Yolanda Prezado e que reforza a aposta do CiMUS por impulsar investigación biomédica de fronteira con capacidade de xerar impacto clínico e industrial.
Neste marco, analizáronse as oportunidades asociadas ao futuro Centro de Protonterapia de Galiciae destacouse o potencial do grupo para catalizar a creación dunha oportunidade estratéxica a nivel autonómico e nacional, capaz de situar España na vangarda da investigación en radioterapia, protonterapia e radiobioloxía, con capacidade de atracción de talento, colaboración internacional e desenvolvemento industrial.