O proxecto ‘Minerais contra o cancro’ constata niveis baixos de selenio entre a poboación malia tratarse dun nutrinte esencial
A maioría dos microminerais esenciais sitúanse, en termos xerais, en rangos adecuados na poboación. Con todo, o selenio é o micromineral que mostra unha maior vulnerabilidade. Esta é unha das principais conclusións do proxecto ‘Minerais contra o cancro’, unha iniciativa desenvolvida grazas a un programa de micromecenado no que participaron entidades, empresas e cidadanía da provincia de Lugo, así como persoas doantes de sangue. Dende a USC, lidera a iniciativa a profesora Marta López Alonso e o grupo de investigación en Medicina Animal (IMedA) da Facultade de Veterinaria do Campus Terra, xunto co Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).
No acto de presentación de resultados que se desenvolveu este xoves 12 no HULA, a profesora López Alonso deu conta de como o proxecto naceu dunha pregunta científica concreta, pero tamén “dunha experiencia humana e profesional compartida entre a investigación, a práctica clínica e o territorio”. A observación de alteracións no perfil mineral en animais enfermos, xunto coa experiencia clínica en pacientes oncolóxicos, levou a formular unha hipótese sinxela pero crucial: se os microminerais son clave para a saúde animal, tamén poden selo para a saúde das persoas.
“Lugo, pola súa poboación, pola súa relación coa produción de alimentos e pola proximidade entre Universidade, hospital e cidadanía, era o lugar idóneo para poñer en marcha un proxecto deste tipo”, explicou Marta López Alonso. Desde o inicio, tívose claro que non podía ser unha investigación pechada nun laboratorio, senón un proxecto “construído coa sociedade, baseado na confianza mutua e no compromiso colectivo coa ciencia”. Ademais, a investigación entronca directamente coa meta do Instituto de Investigación en Saúde Global e Desenvolvemento Sostible (iTerra) xa que representa “a aposta por unha investigación conectada co territorio, coa sustentabilidade, coa produción primaria e coa saúde, que ten que contribuír a resolver grandes retos globais que temos por diante”.
Baixo estas premisas, desenvolveuse un estudo poboacional no que participaron arredor de 500 persoas adultas sas da provincia de Lugo. A todas elas recolléuselles unha mostra de sangue e información detallada sobre hábitos de vida e alimentación, a través de enquisas epidemiolóxicas e nutricionais. Nas mostras de sangue analizáronse 14 elementos traza, incluíndo microminerais esenciais —como ferro, zinc, iodo ou selenio— e elementos tóxicos —como mercurio, chumbo ou cadmio— empregando técnicas analíticas de alta precisión. Este traballo deu lugar á tese doutoral de Inés Rivas Fernández, que integra unha revisión científica e tres estudos experimentais, así como á publicación de catro artigos científicos en revistas internacionais. Estes resultados constitúen unha base sólida para comprender mellor o estado mineral da poboación. Ademais de Marta López e Inés Rivas, tamén participaron no acto de presentación Ramón Ares Rico, director xerente do HULA e Rafael Monte Secades, coordinador do proxecto no HULA.
Resultados
O selenio destaca como o micronutriente máis vulnerable, con niveis subóptimos en máis da metade das persoas participantes, especialmente nas idades máis avanzadas. “Aínda que se trata dun nutriente esencial implicado en procesos antioxidantes, inmunitarios e metabólicos, unha proporción relevante das persoas participantes presentou niveis relativamente baixos”, explican dende o proxecto. Observouse tamén que certos elementos tóxicos, como o mercurio, o chumbo ou o cadmio, tenden a acumularse co envellecemento, aínda que na maioría dos casos se manteñen en niveis baixos.
Cando se analizaron os patróns alimentarios, observouse que as persoas con mellores niveis de selenio adoitan presentar dietas máis equilibradas, caracterizadas por un maior consumo de peixe e legumes, así como unha menor inxesta de graxas. Tamén se identificou unha asociación entre os niveis de selenio e o consumo de froitos secos. Pola súa banda, o peixe emerxeu como un dos principais determinantes dietéticos, asociado tanto a niveis máis elevados de selenio e iodo como a unha maior exposición a arsénico e mercurio, reflectindo o seu dobre papel como alimento nutricionalmente valioso e, ao mesmo tempo, como potencial fonte de contaminantes.
Os datos obtidos confirman a importancia de avaliar o estado dos microminerais directamente a través de biomarcadores no sangue, máis alá das estimacións dietéticas tradicionais. Este enfoque permite detectar deficiencias subclínicas e exposicións ambientais de forma temperá, antes de que se manifesten problemas de saúde evidentes.
En particular, “a vulnerabilidade do selenio na nosa poboación pon de manifesto a necesidade de deseñar estratexias nutricionais baseadas na evidencia científica, que melloren a súa achega a través da dieta sen incrementar o risco asociado á exposición a elementos tóxicos”, sinalan. Estes resultados teñen “implicacións relevantes” en termos de prevención, saúde pública e envellecemento saudable, afirman.
Presente e futuro
Na actualidade, o equipo investigador está a desenvolver proxectos centrados na relación entre o estado dos microminerais, o microbioma e determinados tipos de cancro, coa finalidade de comprender mellor como estes factores interactúan na aparición, progresión da enfermidade e na resposta aos tratamentos. Así mesmo, estase a traballar no deseño de novos proxectos de investigación orientados a outros tipos de cancro e a outras patoloxías crónicas nas que estudos realizados noutros países xa teñen descrito asociacións entre o estatus de determinados microminerais e o risco, a evolución ou o prognóstico da enfermidade. Este aspecto resulta especialmente relevante en persoas de maior idade, nas que os desequilibrios de microminerais poden estar implicados en procesos como o deterioro funcional, a inflamación crónica ou a perda de capacidade de resposta fronte a situacións de estrés ou enfermidade.