USC e FGC colaborarán no ‘Plan de Impulso da Construción Industrializada de Galicia’
O reitor da USC, Antonio López Díaz, e o presidente da Fundación Galicia Constrúe, Clúster da construción, Diego Vázquez Reino, asinaron este venres 13, no Salón de Graos do Colexio de San Xerome, un convenio para regular a colaboración entre ambas as entidades no desenvolvemento do ‘Plan de Impulso da Construción Industrializada de Galicia’. O devandito Plan pretende promover a industrialización da construción en Galicia mediante metodoloxías innovadoras, tecnoloxías avanzadas e criterios de sustentabilidade que fortalezan o sector e contribúan ao desenvolvemento social e económico.
Este Plan consta de tres fases: unha primeira de desenvolvemento do ‘Mapa de Capacidades da Construción Industrializada’, unha segunda de desenvolvemento do ‘Plan de Fomento da Industrialización’ e unha terceira de desenvolvemento de ‘Guías Complementarias’. A USC, a través do Grupo de Creación de Valor Sostible nas Organizacións (GIUSC-2026), colaborará no desenvolvemento da segunda das fases, que se plasmará nun documento final onde se reflictan a situación de partida do sector con respecto á construción industrializada, as necesidades e problemas dos diferentes actores e as propostas para o impulso da industrialización da construción de xeito sustentable e axeitado ás necesidades e características de Galicia.
Deste xeito, o equipo da USC colaborará na análise das necesidades dos distintos axentes involucrados no proceso construtivo. A institución compostelá tamén colaborará no desenvolvemento de propostas que respondan ás necesidades e problemas xurdidos, así como ás actuacións e estratexias axeitadas para impulsar a industrialización da construción en Galicia.
Esta colaboración mutua xorde co obxectivo de avanzar na consecución dun dos desafíos máis urxentes que afrontan na actualidade moitos países desenvolvidos: garantir o acceso a unha vivenda digna e accesible a toda a poboación. Este desafío pode abordarse, entre outros mecanismos, a través do fomento de novos modelos de construción industrializada, involucrando así a un dos sectores con maior peso na economía do país, tanto en termos de contribución ao Produto Interior Bruto (PIB) como en termos de creación de postos de traballo. Aparece, ademais, o obxectivo de mellorar a sustentabilidade do sector, buscando reducir os grandes impactos ambientais ligados ao modelo de construción tradicional e xerar impactos sociais positivos relacionados coa inclusión e igualdade de oportunidades.