Skip to main content
STG

Arranca a Olimpíada Solidaria de Estudo

Estudantes na biblioteca de Bioloxía. Foto: Santi Alvite
Estudantes na biblioteca de Bioloxía. Foto: Santi Alvite
Do 23 de febreiro ao 3 de abril trocará horas de estudo por euros para proxectos en Angola e Senegal, que traballan por mellorar o presente e construír un futuro máis digno. Esta é unha actividade de sensibilización e educación para o desenvolvemento
Lugo, Santiago de Compostela

Dende este luns 23 e ata o 3 de abril o estudantado da USC poderá participar na vixésima segunda edición da Olimpíada Solidaria de Estudo, unha iniciativa coa que poderá trocar as horas de estudo en bibliotecas por euros que serán investidos en apoiar dúas comunidades africanas, en Angola e Senegal, que traballan por mellorar o seu presente e construír un futuro máis digno.

Deste xeito, o estudantado que sume tempo de estudo nas bibliotecas da Universidade, tanto no campus de Santiago como no de Lugo, pode rexistrar as horas que invista empregando un código QR que estará á beira do cartel da Olimpíada na entrada da biblioteca. Por cada hora de estudo rexistrada, a persoa usuaria doará 1 euro que achegarán as entidades patrocinadoras.

Proxectos

O diñeiro recadado dedicarase á construción dun pozo de auga no alto Bimbi (Angola), que beneficiará de forma directa a unha comunidade de ao redor de 2.000 persoas, e en Thiès (Senegal) a un proxecto de formación para o emprego e o emprendemento que alcanzará máis de 300 persoas de maneira directa e a moitas máis de forma indirecta a través do cal adquirirán habilidades prácticas para acceder ao mercado laboral, poñer en marcha pequenos proxectos e avanzar cara a unha maior estabilidade económica e social.

Bibliotecas

As bibliotecas que participan nesta edición son, no Campus de Santiago, a Concepción Arenal, Xeral, Bioloxía, Ciencias da Comunicación, Ciencias Económicas e Empresariais, Enfermaría, Escola Técnica Superior de Enxeñaría, Filoloxía, Filosofía, Física, Matemáticas, Medicina e Odontoloxía, Psicoloxía e Ciencias da Educación, Química, e Xeografía e Historia. En Lugo colaboran a Biblioteca Intercentros e a de Formación do Profesorado.

A Olimpíada Solidaria de Estudo é unha actividade de sensibilización e educación para o desenvolvemento a través da cal a mocidade pode participar e comprometerse con proxectos de cooperación. Na última edición houbo unha participación de 1.693 estudantes e unha recadación de 5.780 €/horas, o que a converteu na terceira Universidade de todo o Estado en diñeiro recadado, só por detrás de Zaragoza e Granada.

Esta actividade está organizada na USC pola Fundación Coopera e a Vicerreitoría de Estudantes e Cultura a través do Servizo de Participación e Inclusión Universitaria.
 

The contents of this page were updated on 02.24.2026.