Skip to main content
STG

A xornada ‘Contar a ciencia desde nós’ conmemora na USC o Día Internacional da Lingua Materna

Foto de familia das persoas premiadas e demais participantes no acto
Foto de familia das persoas premiadas e demais participantes no acto
A partir do lema 'As linguas importan', destácase a urxencia de avanzar no recoñecemento da diversidade lingüística co fin de construír un mundo máis inclusivo e sustentable coa mirada posta no 2030
Lugo

Hai xa máis dun cuarto de século que a Unesco e a ONU conmemoran o Día Internacional da Lingua Materna, co fin de concienciar sobre a importancia de conservar a diversidade lingüística e cultural e o plurilingüismo do planeta. A edición deste ano quere subliñar que a lingua é moito máis ca un medio de comunicación: é fundamental para a identidade, a aprendizaxe, o benestar e a participación na vida social. A partir do lema 'As linguas importan', destácase a urxencia de avanzar no recoñecemento da diversidade lingüística co fin de construír un mundo máis inclusivo e sustentable coa mirada posta no 2030. 

Partindo desta evidencia, a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias do Campus de Lugo organizou o acto ‘Contar a ciencia desde nós’. Con el quérese destacar o valor de contar con sistemas educativos que formen en ciencia nas linguas maternas, tanto no ensino formal como en contextos de divulgación, e á vez recoñecer o talento divulgador da mocidade que nun futuro vai ser universitaria. 

No acto presidido pola decana Asteria Luzardo, fíxose entrega dos galardóns correspondes ao certame ‘Petiscos de ciencia’, que premia os mellores vídeos de divulgación científica elaborados por estudantado de ensino secundario. O primeiro premio (250 euros) foi para o vídeo ‘Ciencia que soa’, remitido desde o IES Francisco Daviña Rey, de Monforte de Lemos. O segundo (150 euros) recaeu no traballo ‘Por que se separan Galicia e Nova York?’, do IES Pazo da Mercé, das Neves, centro que obtivo tamén o terceiro premio (100 euros) polo vídeo ‘Como se xeran os terremotos?’. O IES Santiago Basanta Silva, de Vilalba, fíxose co cuarto galardón (50 euros) grazas á peza titulada ‘Principio de Pascal e Principio de Arquímedes’. Finalmente, o quinto premio (50 euros) foi para o vídeo ‘ADN á vista’, remitido desde o IES Maximino Romero de Lema, de Zas.

No acto participou Patricia González Cabaleiro, do grupo GeoTech da Universidade de Vigo. Esta investigadora predoutoral expuxo o monólogo ‘Podería dicir que son’, co que acaba de gañar a primeira edición do concurso Gargallada científica, desa universidade.  Tamén interveu Carlos Rebolo, contador de historias e membro do colectivo NOGA, que presentou a intervención narrativa ‘As cousas non sempre son o que parecen’.

The contents of this page were updated on 02.20.2026.